A Xunta apoia ao Concello da Coruña para que a praza de abastos de San Agustín opte a formar parte da rede galega de Mercados Excelentes
O obxectivo é promover, por un lado, actuacións dirixidas ao mantemento e mellora dos Mercados Excelentes existentes e, por outro, accións de mentorización, de formación ou obras de construción para que outros poidan acadar este selo
A axuda para o proxecto do mercado de San Agustín é de máis de 10.200 euros
Na convocatoria deste ano tamén resultou beneficiario o mercado das Conchiñas, con máis de 9.300, da liña de apoios a asociacións e federacións de prazas de abastos para a dinamización comercial e mantemento das súas webs de venda electrónica
A Coruña, 28 de novembro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá, o mercado de San Agustín para informar da resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que busca impulsar os Mercados Excelentes en Galicia dirixida aos concellos con interese en integrar as súas prazas de abastos e mercados nesta rede sinónimo de diferenciación e calidade.
En concreto, a cidade da Coruña recibiu unha axuda de máis de 10.200 euros. Este apoio servirá para elaborar un informe e a documentación necesaria para levar a cabo as actuacións necesarias para que o mercado de San Agustín poida recibir o selo de Mercado Excelente.
A maiores, concedeuse unha axuda de máis de 9.300 euros ao mercado das Conchiñas para actuacións de dinamización e revitalización desta praza de abastos.
Axudas a concellos de Galicia
En concreto, 28 municipios de toda Galicia -tan só dous deles xa co distintivo de excelencia concedido- recibiron preto de 700.000 euros para levar a cabo tanto accións necesarias de cara á obtención do selo de Mercado Excelente como melloras nos mercados, co gallo de afondar na revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego.
No marco das axudas a concellos, resultaron beneficiarios 7 consistorios da provincia da Coruña (A Coruña, Carballo, Vimianzo, Cee, Boiro, Noia e Ferrol), que podían ter varios obxectivos, os municipios que xa teñen Mercados Excelentes podían recibir apoio para accións enfocadas ao mantemento e mellora deste estándar de calidade, ademais de, como novidade, desenvolver campañas de dinamización comercial cun investimento máximo de 10.000 euros e para o deseño da imaxe corporativa do mercado.
Mentres, os municipios con prazas de abastos que non son Mercado Excelente podían sufragar accións de mentorización e formación dos praceiros e praceiras, de consultoría especializada, de diagnose da situación e usos do mercado ou a elaboración da documentación necesaria para levar a cabo as actuacións destinadas a acadar o selo, ademais doutras accións de mellora. Nesta mesma orde, nas axudas a municipios tamén había dúas liñas máis de achegas, destinadas á adquisición de equipamento e eficiencia enerxética.
Prazas de abastos
A maiores, concedéronse preto de 200.000 euros en achegas a un total de 19 asociacións e federacións de mercados e prazas de abastos galegas para accións de dinamización e de mantementos das súas webs de venda electrónica.
A orde pode financiar actuacións de dinamización e revitalización no marco de proxectos de incentivación da demanda e do consumo ou mantemento das webs de comercio electrónico, na mesma liña que no relativo ás federacións. Das entidades beneficiadas neste apartado, 2 corresponden á provincia da Coruña (asociación de comerciantes e empresarios/as mercado das Conchiñas e asociación de profesionais da praza de abastos de Padrón).
En total a provincia da Coruña recibiu destas dúas liñas máis de 120.000 euros para o impulso de mercados excelentes e para a revitalización e dinamización das prazas de abastos. O compromiso continuará nos orzamentos de 2025, tanto no marco desta convocatoria específica como co financiamento de actuacións en mercados concretos.