A delegada da Xunta en Ferrol participa na presentación da fase previa do Campionato Galego de Seleccións Comarcais que terá lugar en Ferrolterra

Ferrol, 28 de novembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da fase previa do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol sala que a Real Federación Galega de Fútbol organiza o próximo 6 de decembro en varios enclaves da zona, como son o polideportivo da Malata (Ferrol) e os pavillóns municipais da Gándara e Campo da Serra (Narón).

Na cita, que se celebra por segundo ano en Ferrolterra durante toda a xornada, participarán preto de 300 persoas, entre técnicos e deportistas de diferentes categorías de base (infantil masculino e feminino, alevín masculino e feminino, e benxamín mixto). A proba será clasificatoria para a fase final que tamén terá lugar na área territorial, concretamente nas Pontes o próximo 23 de decembro.

A delegada territorial ratificou o auxe que está a vivir o deporte federado e escolar en Galicia e destacou o apoio do Goberno galego ás distintas federacións deportivas, entre elas á Real Federación Galega de Fútbol, para o desenvolvemento da súa actividade deportiva federada. Ademais puxo en valor as cifras históricas acadadas polo programa Xogade, que aglutina toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces entre 6 e 16 anos e as licenzas das federacións deportivas, que finalizou a pasada campaña con preto de 148.000 nenos e nenas participantes, “o que representa o 60% de todos os galegos e galegas escolarizados nas idades entre 6 e 16 anos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2024