A Xunta destaca a importancia de atraer a Lugo grandes eventos que fomentan o deporte e axudan á promoción da cidade
Lugo, 28 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou hoxe a importancia de acoller en Lugo grandes citas deportivas como o Dojo Arena, que ademais de contribuír a fomentar a práctica de diferentes disciplinas deportivas funcionan como escaparate para a promoción da cidade.
Arias reuniuse co organizador deste encontro, Fredi Mosteirín, a quen lle agradeceu o traballo realizado para celebrar en Lugo a primeira feira nacional de deportes de contacto e artes marciais, que se desenvolveu a pasada fin de semana no Pazo de Feiras co apoio da Xunta. Como recoñecemento a esa colaboración, Mosteirín fíxolle entrega ao delegado dunha medalla conmemorativa do evento.
O representante autonómico salientou que o Goberno galego seguirá apostando por atraer á capital lucense encontros de máximo nivel “que teñen unha notable repercusión económica e mediática” e “axudan a proxectar a imaxe de Lugo como un escenario idóneo para acoller grandes eventos de todo tipo”.