A Xunta convoca para xaneiro e febreiro os actos expropiatorios para a construción dunha senda na estrada autonómica PO-407 no Porriño
Esta actuación de mellora da seguridade viaria, especialmente para os peóns, suporá un investimento autonómico de 425.000 euros
Executarase un itinerario de case 1 km pola marxe dereita da vía, para dispor dun novo espazo para tránsito peonil independente da calzada nunha zona de vivendas e acceso ao colexio Cruz de Budiño
O levantamento das actas previas á ocupación está convocado para os vindeiros días 14 e 15 de xaneiro, na Casa do Concello; e a formalización levarase a cabo os días 25 e 26 de febreiro, no mesmo lugar
A senda habilitarase no treito da vía entre os puntos quilométricos 0+130 e 1+020 cun ancho mínimo de 1,80 metros e bordo, agás nun punto onde existe unha estrutura
A intervención inclúe actuacións complementarias de acondicionamento de paradas de autobús e a colocación de pavimento táctil nos vaos peonís
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a convocatoria para os vindeiros meses de xaneiro e de febreiro dos actos expropiatorios para executar unha senda peonil na estrada autonómica PO-407, no concello do Porriño.
Esta actuación de mellora da seguridade viaria, especialmente para os peóns, suporá un investimento autonómico de 425.000 euros.
O acto para o levantamento das actas previas á ocupación está convocado para os vindeiros días 14 e 15 de xaneiro, de 09:00 as 13:30 horas, na Casa do Concello do Porriño. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 25 e 26 de febreiro, no mesmo horario e no mesmo lugar.
En concreto, a intervención céntrase na execución dun itinerario de preto de 1 quilómetro de lonxitude na marxe dereita desta vía autonómica, que discorre integramente polo municipio, que conta cun tráfico maioritariamente local, cunha importante funcionalidade ao contar con vivendas na súa traza e dar acceso a un equipamento educativo como o colexio público Cruz de Budiño. O prazo para acometer os traballos é de 8 meses.
O proxecto
A actuación proxectada consiste na construción dunha senda no treito da estrada PO-407 comprendido entre os quilómetros 0+130 e 1+020, creando un espazo seguro para o tránsito peonil independente da calzada, xa que na actualidade esta carece dunha zona destinada á circulación dos peóns.
A intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta permitirá a execución dunha senda en formigón coloreado de ancho mínimo de 1,80 metros, agás nun estreitamento puntual na contorna do punto quilométrico 0+750, onde existe unha estrutura.
De cara a facilitar a accesibilidade, nos vaos peonís previstos, colocarase pavimento táctil de botóns ou direccional, formado por baldosas de 30x30 centímetros sobre unha base de formigón. O pavimento táctil, indicador de advertencia ou proximidade a puntos de perigo, situarase nos extremos da senda para indicar o final da mesma, así como nas paradas de autobús ou nos pasos de peóns para advertir a posibilidade de cruzamento con seguridade.
As obras previstas inclúen melloras da seguridade adicionais, como o acondicionamento das paradas de autobús existentes nos puntos quilométricos 0+280 e 0+960. En ambos os casos acondicionarase e ampliarase a zona peonil, sinalizarase o refuxio e disporase de pavimentos que cumprirán as normativas vixentes de accesibilidade.
A intervención completarase con traballos adicionais de instalación dun prisma soterrado de telecomunicacións e iluminación, a mellora dos sistemas de drenaxe, a recolocación de contenedores de residuos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.
Esta nova actuación da Xunta é susceptible de financiamento dos fondos europeos FEDER 21/27.
O departamento que dirixe María Martínez Allegue continúa a traballar no impulso de actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións nos municipios e favorecendo unha mobilidade máis cómoda, segura e sostible.