A Xunta destaca a ampla oferta dos servizos de autobús en Ferrol e lamenta a desatención ferroviaria por parte do Goberno central
A directora xeral de Mobilidade informou no Parlamento dos servizos activados nas horas de maior demanda entre a área ferrolá e A Coruña
O Goberno galego fai especial seguimento das necesidades de mobilidade nesta zona, ao carecer de alternativas pola falta de conexións en tren
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, defendeu no Parlamento de Galicia a amplitude da oferta de transporte público por estrada entre Ferrol e A Coruña e lamentou que o Goberno central non atenda as necesidades de conexión ferroviaria da área ferrolá, tal como levan reclamando desde hai tempo tanto a Xunta como diferentes colectivos cidadáns.
Segundo sinalou a directora xeral, a desatención estatal no eido ferroviario converte o autobús na única alternativa de mobilidade para Ferrol, polo que a Xunta fai especial seguimento das necesidades e se reforzan as horas de maior demanda, ademais de utilizarse vehículos de gran capacidade. Non obstante, Judit Fontela incidiu en que, tal e como acontece en todos os transportes públicos, non sempre será posible ofrecer praza a todas as persoas nunha saída concreta, aínda que se estean prestando os servizos previstos e incorporando reforzos.
Cómpre destacar que a conexión entre Ferrol e A Coruña suma nos días laborables 60 servizos diarios, 30 en cada sentido, que suman 4.000 prazas en total. Ademais, a oferta deseñada pola Xunta concentra moitos servizos nas horas con maior demanda para atender así os horarios de entrada e saída dos centros laborais e educativos.
Así mesmo, Judit Fontela defendeu o labor da Xunta para velar polo cumprimento dos contratos de transporte público por estrada e garantir a calidade do servizo que se presta á cidadanía, tanto a través de inspeccións como de campañas anuais de avaliación.