O Concello de Cerdedo-Cotobade adquire un novo vehículo municipal grazas ao fondo de compensación ambiental da Xunta
O concello recibiu unha achega de 39.000 euros
En total, na área territorial de Pontevedra, 13 concellos se beneficiaron do Fondo
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 3 de decembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Cerdedo-Cotobade, que acaba de adquirir un novo vehículo eléctrico grazas ao Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
En total, o concello contou cunha achega de 39.000 euros que permitirán diminuír as emisións da frota municipal. Esta liña de axudas contou cun orzamento de máis de 400.000 euros na área territorial de Pontevedra dos que se beneficiaron 13 concellos.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “traballar en colaboración cos concellos para conseguir unhas institucións máis respectuosas co medio ambiente”.
FCA
O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.
Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.