Medio Rural salienta o investimento para a creación de pasteiros no concello pontevedrés de Crecente
A conselleira do Medio Rural visitou unha serie de actuacións levadas a cabo no municipio, entre as que se atopan tamén o acondicionamento do mercado municipal e a mellora de camiños, cun investimento total duns 680.000 euros
María José Gómez tamén se desprazou aos terreos nos que está proxectada a posta en marcha do polígono agroforestal de Mandelos, que abranguerá unha superficie de 45,04 hectáreas de 183 propietarios
Crecente (Pontevedra), 4 de decembro de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e polo alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo; visitou unha serie de actuacións levadas a cabo polo seu departamento nesta localidade pontevedresa cun investimento total duns 680.000 euros.
Na súa visita a Crecente, a conselleira do Medio Rural coñeceu os terreos nos que se está traballando para a creación de pasteiros e salientou o investimento realizado para este tipo de iniciativas e en xeral, favorecer a gandaría en extensivo. Neste sentido, o concello conta cun xa rematado en Angudes, para o que se destinaron preto de 220.000 euros nunha superficie de 21,3 hectáreas; e están proxectados outros dous pasteiros en Rebordechán, cun investimento previsto de case 320.000 euros para unhas 26 hectáreas de terreo.
Ademais, María José Gómez destacou que no vindeiro ano se destinarán 3,7 millóns de euros para seguir implantando pasteiros por todo o territorio, dado que facilitan a ampliación de base territorial e ao mesmo tempo contribúen a ser barreira natural contra os incendios forestais.
Por outra banda, a titular de Medio Rural tamén se trasladou ao mercado municipal, onde puxo en valor un investimento de preto de 96.000 euros para a mellora das súas instalacións. A través dunha axuda concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, acondicionouse o seu interior para favorecer a comercialización de produtos locais.
A maiores, María José Gómez achegouse ata os terreos nos que está proxectado o polígono agroforestal de Mandelos, que abrangue unha superficie de 45,04 hectáreas de 183 propietarios, e que terá como principal orientación produtiva o cultivo de viñedo. A conselleira do Medio Rural rematou a súa visita a Crecente comprobando o resultado dunha actuación executada en Paradela a través do Plan Marco para a mellora camiños, dotada con algo máis de 48.000 euros.
Máis investimentos no 2025
A conselleira do Medio Rural engadiu que no próximo ano seguirase apostando por este tipo de actuacións. Neste sentido, destacou o Plan Camiña Rural, de carácter plurianual dotado con case 20 millóns de euros, dos cales 10 se investirán xa no 2025 para a mellora de infraestruturas rurais.
María José Gómez tamén fixo fincapé na mobilización de terras e puxo en valor o investimento previsto de case 20 millóns de euros no 2025 para seguir promovendo as concentracións parcelarias e os instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria.