O presidente da Xunta clausurou a gala dos Premios do Comercio Galego 2024
Rueda enmarca a ampliación dos Bonos Activa Comercio dentro do compromiso da Xunta co sector e cos autónomos
Sinala que o papel do comercio vai máis aló do económico, enchendo de vida vilas e cidades todos os días do ano
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024
O presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, enmarcou a ampliación do Bono Activa Comercio dentro das políticas levadas a cabo pola Xunta para apoiar ao comercio e aos autónomos.
Na súa intervención na gala de clausura dos Premios do Comercio Galego 2024, Rueda felicitou aos premiados e resaltou o seu traballo poñendo ao cliente no centro da súa actividade. Nesta liña, salientou a importancia do comercio de proximidade no día a día dos barrios e dos veciños, que en datas como o Nadal axudan a encher de vida as rúas das vilas e cidades.
No seu papel como dinamizadores da economía e xeradores de emprego, o titular do Goberno galego afirmou que os comercios poden contar co apoio da Xunta. Neste sentido, Rueda lembrou o anuncio realizado pola mañá no Parlamento de Galicia acerca da reactivación dos Bonos Activa Comercio por valor de 2,5 M€ o vindeiro luns ante a demanda de cidadáns e comerciantes, despois de que o crédito da presente edición se esgotase en apenas dous días.
Esta medida súmase a outras destinadas a apoiar o comercio e garantir a remuda xeracional, como son os avances no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, a recuperación dos oficios tradicionais artesanais ou o apoio aos autónomos.
Premios do Comercio Galego 2024
Na edición deste ano, resultou gañador do Premio Comercio 2024 a librería Lectocosmos, de Lugo; Vicente Ábalo, de Vilagarcía de Arousa e Pontevedra, foi galardoado co Premio Comercio Traxectoria 2024; o Premio Comercio Emprende 2024 foi para AO Domini, en Ourense; a Asociación Centro Comercial Aberto Carballo recibiu o Premio Comercio Dinamización 2024; e o Premio Comercio Consumo Responsable 2024 foi para La Böcöque, de Cangas.