A Xunta destaca o labor da Federación galega de asociacións e gremios de xoieiros, reloxeiros e prateiros a prol do comercio de proximidade
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe en Santiago de Compostela dous dos establecementos adheridos á Federación galega de asociacións e gremios de xoieiros, reloxeiros e prateiros. Alí, puxo de relevo o labor da federación e dos negocios que representa —como as xoierías Isabel Suárez e Ardentia, onde estivo en concreto—, que veñen recibindo o apoio autonómico.
Este ano, e no marco do programa de dinamización comercial dirixido a federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal, esta entidade obtivo achega para a súa xa celebrada campaña do Día da Nai, incluído o seu tradicional certame Deseña unha xoia para a túa nai. Tamén para a acción de visibilidade aínda vixente Xoiaría Galega Viva, o videopodcast Café con xoias e a campaña Historias de Xoias.