O Secadeiro, un restaurante de Outes premiado cunha Estrela Verde Michelín, proba do compromiso da Xunta co emprendemento e a sustentabilidade no medio rural
A conselleira do Medio Rural visita en Outes este establecemento de restauración que comezou a súa actividade cunha axuda de preto de 50.000 euros procedentes do programa Leader
María José Gómez salienta o esforzo que realiza a Xunta para dinamizar o agro galego e para fomentar o emprendemento, así como a diversificación de actividades neste eido e para apoiar o labor dos agricultores e gandeiros
A aposta dos chefs Eva Guzmán e Fernando Rodríguez polo emprego dos produtos de proximidade e o impulso dinamizador deste negocio na contorna son outros dos efectos positivos remarcados pola titular de Medio Rural
A Xunta lembra que no último período de programación do Leader aprobáronse 1.495 proxectos, que permitiron crear un total de 933 postos de traballo e consolidar outros 3.256 en toda Galicia
Outes (A Coruña), 5 de decembro de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe en Outes o restaurante O Secadeiro, galardoado cunha Estrela Verde Michelín e que comezou a súa actividade cunha axuda de preto de 50.000 euros a través do programa Leader.
O recente premio a este establecemento fundamentouse no “especial compromiso coa sustentabilidade” a través da cociña, valorando o feito de que o 80% das súas elaboracións levan ingredientes de quilómetro cero, ao contar con horta e invernadoiro propios. Por iso, a conselleira puxo en valor esta aposta polos produtos de proximidade e salientou o impulso dinamizador que representa este negocio de hostalería para a contorna, trasladando os seus parabén aos chefs Eva Guzmán e Fernando Rodríguez por facer da sustentabilidade unha das bandeiras do seu traballo.
Gómez engadiu que iniciativas como O Secadeiro constatan que o medio rural é unha aposta de futuro que ofrece múltiples alternativas emprendedoras de éxito e, neste sentido, puxo de relevo o esforzo que realiza a Xunta para dinamizar o agro galego e para fomentar o emprendemento, así como a diversificación de actividades neste eido e para apoiar o labor dos agricultores e gandeiros. Ao tempo, subliñou o papel que desempeña neste mesmo sentido o programa Leader, xestionado polos grupos de desenvolvemento rural (GDR) en estreita colaboración coa Xunta, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Neste marco, a titular de Medio Rural lembrou que no último período deste programa aprobáronse 1.495 proxectos, o que permitiu crear un total de 933 postos de traballo e consolidar outros 3.256 no conxunto de Galicia. Todo este labor, sinalou a conselleira, ten continuidade no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027, cun orzamento de preto de 57 millóns de euros, dos cales case 18 millóns se destinarán aos gastos de funcionamento dos GDR e os arredor de 39 restantes para apoiar diferentes proxectos dinamizadores no rural galego.
Alianza estratéxica
Nesta liña, e en referencia concreta ao restaurante visitado hoxe, María José Gómez valorou a “alianza estratéxica” entre a hostalería e o sector primario, na medida en que este tipo de establecementos “son un dos mellores aliados dos agricultores e gandeiros á hora de poñer en valor a calidade das súas producións e de trasladar ese valor aos consumidores”.