A Xunta e o Concello de Viveiro avanzan na mellora das infraestruturas rurais deste municipio
A conselleira María José Gómez reuniuse esta semana coa alcaldesa da localidade, María do Carmen Gueimunde, para abordar a cooperación no relacionado coa adecuación e posta en valor dos seus camiños rurais, entre outros asuntos
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2026
A Xunta e o Concello de Viveiro reforzan a súa colaboración a prol da mellora das infraestruturas rurais deste municipio e, en xeral, do seu agro. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse esta semana coa alcaldesa da localidade, María do Carmen Gueimunde, para afondar nesta cooperación, en especial no que atinxe á adecuación dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación.
Nesta materia, cómpre sinalar que Viveiro ten asignada unha axuda máxima de ata case 82.300 euros dentro da convocatoria de 2025-2026 do Plan Camiña Rural da Consellería, unha iniciativa concibida, precisamente, para apoiar os municipios na mellora dunhas vías que resultan esenciais para dinamizar e vertebrar o seu territorio.
Cómpre lembrar que a nova convocatoria destas axudas, dotada con preto de 19 millóns de euros, está aínda aberta e permanecerá así ata o vindeiro día 5 de marzo, co fin de que os municipios formalicen as súas solicitudes e detallen tamén os camiños nos que propoñen que se actúe.