A Xunta reitera a Adif a urxencia de que execute as actuacións preventivas de limpeza ao redor das vías do tren para previr os incendios forestais

A conselleira do Medio Rural lembrou que a semana pasada se lle trasladou unha carta á empresa publica para solicitar información detallada sobre o seu Plan anual de prevención e tratamento da biomasa, da cal non se obtivo resposta

Explicou que onte mesmo se rexistrou un incendio no concello de Boborás que todo parece indicar que se orixinou polo paso dun tren, polo que xa serían nove os lumes orixinados nas infraestruturas ferroviarias nas últimas dúas semanas

Gómez asegurou que “é imprescindible” que Adif garanta que Galicia estea a encarar o período de alto risco de incendio cunhas infraestruturas ferroviarias preparadas e coas tarefas de xestión da biomasa executadas

Aproveitou tamén para facer fincapé na importancia de manter xestionada a biomasa nas faixas secundarias, as máis próximas aos núcleos de poboación, ante a actual situación meteorolóxica de altas temperaturas e elevados índices de risco de incendio

Palas de Rei (Lugo), 28 de xullo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reiterou a Adif a urxencia de que execute as actuacións preventivas de limpeza nas redes primarias da súa competencia para previr os incendios forestais. Fíxoo hoxe durante unha visita ao concello de Palas de Rei, despois de que onte mesmo se rexistrase un novo lume que todo parece indicar se orixinou pola paso dun tren na localidade ourensá de Boborás, que foi extinguido en poucas horas grazas á rápida actuación do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF).

Neste sentido, lembrou que a semana pasada se lle remitiu unha carta á empresa pública solicitando información detallada sobre o seu Plan anual de prevención e tratamento da biomasa neste 2026 por esta empresa pública, cuxas actuacións teñen que ter rematado a día 31 de maio, da cal non se obtivo resposta. 

De novo, a conselleira trasladou a súa “preocupación” ante estes sucesos porque aos oito incendios rexistrados o pasado 13 de xullo nos concellos de Maside, Punxín, Amoeiro e Ourense, onte todo parece indicar que se orixinou un novo en Boborás. Polo tanto, sinalou que xa serían nove focos os causados nas últimas dúas semanas.

Seguindo esta liña, a conselleira volveu insistir en que “é imprescindible” que a empresa pública garanta que Galicia estea a encarar o período de alto risco de incendio cunhas infraestruturas ferroviarias preparadas e coas tarefas de xestión da biomasa executadas. Ademais, reafirmou que a prevención dos incendios forestais é “unha prioridade” para o Goberno autonómico, xa que se está a comprobar o que pode supoñer non contar cunhas vías férreas en perfecto estado.

Cabe sinalar que estes incendios tamén xeran malestar entre a cidadanía polas alteracións do tráfico ferroviario, como ocorreu onte, ao mesmo tempo que aumentan o risco ao que se expón o persoal do SPIF dadas as dificultades nas tarefas de extinción, remate e liquidación dos incendios forestais polas catenarias e dificultades de accesos.

Importancia de xestionar a biomasa

Así mesmo, a titular do departamento lembrou a importancia de manter xestionada a biomasa nas faixas secundarias, é dicir, nas zonas máis próximas aos núcleos de poboación. Ante a actual situación meteorolóxica, de altas temperaturas e elevados índices de risco de incendio, insistiu en que estas tarefas de limpeza serven para protexer aos núcleos.

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural asinou a finais do pasado ano un convenio coa empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, co obxectivo de aos propietarios e concellos no cumprimento das súas obrigas. Esta colaboración está dotada cun orzamento de 25 millóns de euros, o dobre que no anterior. De feito, en menos dun mes incrementáronse nun 40 % as actuacións ao abeiro deste convenio con traballos preventivos en 3.630 parcelas.

Data de actualización: 28/07/2026