Medio Rural traballa na recuperación de zonas afectadas polo incendio de Oímbra nos concellos de Laza e Castrelo do Val
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe zonas onde se están a realizar traballos de restauración hidrolóxica-forestal
A directora lembrou que estas actuacións están a levarse a cabo ao abeiro da colaboración entre a Xunta e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco)
Laza (Ourense), 5 de outubro de 2026
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe varias zonas dos municipios de Laza e Castrelo do Val para comprobar o estado das obras realizadas en materia de restauración hidrolóxica-forestal en áreas afectadas polo incendio forestal de Oímbra do pasado ano. Deste xeito, investíronse preto de 800.000 euros nestas actuacións para diferentes comunidades de montes veciñais en man común.
Neste senso, os traballos a executar divídense en 4 grandes bloques. O primeiro trátase da mellora de infraestruturas varias, que consiste na realización de reparacións para evitar o aumento dos estragos producidos polo lume, ademais de facilitar o acceso para os traballos de restauración e xestión do monte en xeral. O segundo punto a tratar é a mellora da rede de drenaxe, a través de medidas como o repaso de cunetas con motoniveladora, así como a apertura de cuneta nos tramos nos que sexa necesario e a limpeza dos pasos de auga existentes.
Alén diso, estanse a levar a cabo actuacións de restauración hidrolóxica, concibidas para estabilizar o solo, favorecendo a infiltración e limitando a escorrentía; e de hábitats, como a selección de gromos en rexenerados de frondosas. Por último, estanse a realizar labores de eliminación de madeira queimada para facilitar a rexeneración natural e evitar focos de pragas e doenzas.
A directora lembrou que estes traballos enmárcanse no acordo de colaboración da Xunta de Galicia co Miteco para impulsar este tipo de actuacións, determinadas polos técnicos da Consellería do Medio Rural tras identificar o Ministerio as zonas dos incendios onde intervir, por un importe de 9,5 millóns de euros. No marco desta iniciativa, tramitáronse expedientes nas zonas afectadas por este incendio e polos de Larouco, Chandrexa de Queixa, A Mezquita e Carballeda de Valdeorras.