Medio Rural destina arredor de 45.000 € para a restauración de áreas afectadas por incendios forestais en Pazos de Borbén
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal visitou a zona do monte Costa Gallego, situado neste concello, onde se están a realizar clareos de piñeiros e a eliminación de especies alóctonas
Estas actuacións, cofinanciadas co fondo Feader, encádranse no marco do Plan Estratéxico pola Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027
Pazos de Borbén (Pontevedra), 1 de outubro de 2026
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe os traballos de restauración de áreas queimadas no monte Costa Galleiro, pertencente á Comunidade de montes veciñais en man común de Nespereira, onde se están a investir preto de 45.000 euros.
Estas actuacións están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), dentro do actual Plan Estratéxico pola Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, que ten como obxectivo o desenvolvemento sostible da agricultura, a alimentación e as zonas rurais.
Neste contexto, a proposta de recuperación do monte Costa Galleiro desenvolve os labores necesarios para conseguir a restauración dos danos forestais causados por incendios, cunha afectación de polo menos o 20%, mediante a execución de actuacións encamiñadas a recuperar a súa capacidade para prestar servizos ecosistémicos.
Tal e como explicou a directora, neste terreo estanse a executar traballos de clareos de piñeiros, que consisten na eliminación selectiva de piñeiros novos co fin de reducir a densidade do bosque; así como a eliminación das especies alóctonas de eucalipto e acacias, mediante o seu apeo e posterior aplicación e tratamento fitocida, para a protección das especies autóctonas.