Medio Rural realizou xa actuacións preventivas de xestión de biomasa preto das vivendas en case 5.400 parcelas ao abeiro do convenio con Seaga

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, presidiu hoxe a comisión de seguimento deste acordo, que constatou tamén que, a maiores, a Xunta actuou nun total de 771,68 quilómetros de vías municipais, a solicitude dos concellos adheridos

Son os municipios os que teñen que pedir os apoios ofrecidos e, polo de agora, só 183 dos adheridos o fixeron, polo que arredor do 39 % aínda non demandaron a execución de actuacións

Actualmente teñen solicitada a súa adhesión un total de 301 concellos, dos cales 278 teñen o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobado, o que supón un 92 % do total

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026

A Xunta levou a cabo xa actuacións preventivas de xestión da biomasa en faixas secundarias -os 50 metros que rodean os núcleos de poboación- en preto de 5.400 parcelas de 108 parroquias priorizadas ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga.

Así se avaliou hoxe na reunión da comisión de seguimento deste acordo, presidida polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco. Estes traballos son froito das moitas posibilidades que ofrece o convenio, malia que é importante sinalar que os labores deben ser solicitados polos propietarios dos predios, que poden contratar a Seaga para levalos a cabo a un prezo moi competitivo, de 420 euros por hectárea.

Neste contexto, cómpre lembrar que os titulares das fincas localizadas nestas franxas tiveron ata o 31 de maio para levar a cabo a limpeza dos seus predios. É a partir desa data cando Seaga pode colaborar na inspección, e posterior execución subsidiaria de ser o caso, sempre que os concellos o soliciten dentro dos apoios que se ofrecen no acordo. Así, a data de 31 de agosto deste ano enviáronse xa a particulares un total de 44.868 dilixencias de notificacións correspondentes a inspeccións realizadas na anualidade de 2025.

Na actualidade teñen solicitada a súa adhesión ao convenio un total de 301 concellos, dos cales 278 teñen o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobado, o que supón un 92 % do total. Polo tanto, son 12 os municipios galegos que non manifestaron polo de agora a vontade de formar parte desta iniciativa. Trátase dos de Narón, Oleiros e Sada, na provincia da Coruña; Abadín, Castroverde, Cervantes, Meira e Muras, na de Lugo; Ramirás, na de Ourense; e Illa de Arousa, Vigo e Vila de Cruces, na de Pontevedra.

A solicitude dos concellos

En todo caso, son os concellos os que teñen que solicitar os apoios ofrecidos ao abeiro do convenio e, polo de agora, só 183 dos adheridos o fixeron. Xa que logo, arredor do 39 % dos municipios aínda non pediron a execución de actuacións. Seguindo esta liña de apoio, a través de Seaga os concellos adheridos terán tamén á súa disposición axuda para a revisión ou modificación do plan municipal de prevención; así como apoio para realizar as inspeccións e notificacións aos titulares das fincas, sempre e cando o pidan.

A comisión de seguimento constatou tamén que, a maiores, a Xunta actuou nun total de 771,68 quilómetros de vías municipais. Estes labores tamén teñen que ser identificados e solicitados polos concellos, que poden optar á limpeza de 12 quilómetros de vías municipais e á realización de execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas.

Así, a través do acordo impulsado por Medio Rural en colaboración con Seaga procúrase apoiar a propietarios e concellos no cumprimento das súas obrigas en relación coa prevención e defensa contra os incendios forestais nas faixas secundarias. A xestión da biomasa nestas zonas é responsabilidade dos particulares e, en caso de incumprimento, son os concellos os que deben executala de maneira subsidiaria, tal e como establece a Lei de incendios. O actual acordo, asinado a finais de 2025 e con vixencia ata o 2029, conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que o anterior.

Data de actualización: 01/10/2026