Medio Rural destina máis de 3,6 M€ a obras de prevención de incendios na provincia de Pontevedra
A conselleira María José Gómez visitou hoxe os traballos que se están a realizar no concello de Forcarei ao abeiro do convenio da xestión da biomasa, asinado coa empresa pública Seaga e ao cal esta localidade está adherido
Detallou que, no conxunto da provincia, este ano se invisten máis de 2 millóns de euros en labores a través desa colaboración, aos que se lle suman outros 1,6 de accións preventivas directas da propia Consellería
Lembrou que o pasado mes de setembro presentouse ante o Consello Forestal o anteproxecto da nova Lei de loita contra os incendios forestais, no que se dá prioridade á protección da poboación e a unha xestión estratéxica do territorio
Forcarei (Pontevedra), 5 de outubro de 2026
O investimento realizado pola Consellería do Medio Rural en materia de obras para a prevención de incendios forestais na provincia de Pontevedra supera este ano os 3,6 millóns de euros. Así o destacou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita ao concello de Forcarei, onde se están levando a cabo traballos de xestión da biomasa en faixas secundarias ao abeiro do convenio asinado coa empresa pública Seaga. Alí, estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, polo director-xerente de Seaga, Martín Martínez, e pola alcaldesa, Belén Cachafeiro.
Deste xeito, a conselleira detallou que este investimento na provincia se divide, por un lado, en máis de 2 millóns de euros contemplados dentro do convenio de xestión da biomasa. Concretamente, esa contía inclúe actuacións en vías de titularidade municipal, así como na execución de traballos de mellora de pistas forestais ou de limpeza de cortalumes. Por outra banda, engadiu outros máis de 1,6 millóns de euros previstos para accións preventivas directas realizadas pola propia Consellería, como poden ser creación de áreas cortalume, faixas auxiliares de pista ou tratamentos silvícolas.
Gómez lembrou que neste 2026 se reforzou a colaboración con propietarios e concellos para facilitar os traballos de xestión da biomasa preto das vivendas, o dotando convenio con Seaga cun orzamento de 26 millóns de euros, o dobre que no anterior. Neste senso, cómpre salientar que 301 concellos xa solicitaron a súa adhesión, entre os que se atopa Forcarei. Polo tanto, a conselleira reafirmou o compromiso do Goberno galego coa prevención e defensa contra os incendios, que é claro e tanxible.
Anteproxecto da nova Lei de loita contra incendios
A maiores, a titular de Medio Rural lembrou que o pasado mes de setembro se presentou no Consello Forestal o anteproxecto da nova Lei de loita contra os incendios forestais, que continúa co seu proceso de tramitación. Así, salientou que esta norma integra a política forestal e a política de incendios e ao mesmo tempo reforza a planificación e a actuación preventiva da Administración.
En definitiva, a conselleira destacou que esta nova normativa dá prioridade á protección da poboación e a unha xestión estratéxica do territorio.