María José Gómez salienta o compromiso da Xunta coa dinamización do rural galego na inauguración do restaurante A Casiña da Ponte en Castro de Rei

A conselleira visitou este establecemento de restauración, que comezou a súa actividade cunha axuda do programa Leader

A titular de Medio Rural puxo tamén en valor a aposta do Goberno galego por fomentar o emprendemento e a diversificación de actividades no agro, así como por apoiar o labor dos agricultores e gandeiros

A Xunta lembra que no último período de programación do Leader aprobáronse en Galicia 1.495 proxectos, que permitiron crear un total de 933 postos de traballo e consolidar outros 3.256

Castro de Rei (Lugo), 6 de decembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou hoxe na inauguración do restaurante A Casiña da Ponte, situado en Castro de Rei e que comezou a súa actividade cunha axuda do programa Leader.

Neste acto, Gómez salientou o dinamismo que vive o rural galego con este tipo de iniciativas e reafirmou o compromiso da Xunta nesta materia, así como para fomentar o emprendemento e a diversificación de actividades no agro e tamén para apoiar o labor dos agricultores e gandeiros.

Isto incide, engadiu a consellería, en que se fagan realidade proxectos de emprendemento persoal, neste caso de Ángeles López e Jorge Barja, que contribúen tamén a xerar riqueza e emprego no rural, polo que felicitou a ambos. Salientou, a maiores, que o proxecto permitiu recuperar unha edificación emblemática na zona, o que favoreceu á conservación do patrimonio cultural da localidade.

En relación co programa Leader, cómpre lembrar que no seu último período aprobáronse en Galicia un total de 1.495 proxectos, o que permitiu crear 933 postos de traballo e consolidar outros 3.256. Todo este labor ten continuidade no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027, cun orzamento de preto de 57 millóns de euros, dos cales case 18 millóns se destinarán aos gastos de funcionamento dos GDR e os arredor de 39 restantes para apoiar diferentes proxectos dinamizadores no rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/12/2024