A Xunta anuncia a ampliación do prazo para inscribirse no programa ‘Xuventude Mentoring’ que facilita á xente moza a busca de emprego
A directora xeral de Xuventude salienta a importancia deste programa para mellorar as habilidades da mocidade á hora de enfrontarse ao mercado laboral
Lara Meneses asiste ás Xornadas Encontro Xuventude, no marco da Feira Transfronteiriza de Emprego Xuvenil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Esta iniciativa procura a cooperación entre asociacións xuvenís de ambas rexións nas áreas laborais e de emprendemento vencelladas coas persoas máis novas
Chaves (Portugal), 6 de decembro de 2024
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia ampliará ata o 16 de decembro o prazo para inscribirse no programa Xuventude Mentoring, co que os mozos e mozas participantes reciben formación e asesoramento para mellorar as súas habilidades e competencias para a busca de emprego.
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deu a coñecer este novo prazo de inscricións —que inicialmente remataba o vindeiro luns, día 9 — durante as Xornadas Encontro Xuventude, que se desenvolven na localidade lusa de Chaves durante toda esta fin de semana, e que están inxeridas na Feira Transfronteiriza de Emprego Xuvenil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Nestas xornadas participan mozos e mozas de ambas rexións co obxecto de intercambiar e analizar estratexias de intervención das asociacións xuvenís en cuestións vencelladas co emprego, co emprendemento, coa capacitación e coa cooperación transfronteiriza.
Nesta liña, o Goberno galego ten en marcha a iniciativa Xuventude Mentoring, a través dun convenio de colaboración co Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria —axente integrador das tres universidades públicas galegas— ao que a Xunta destina case un millón de euros para o período 2024-2025. Desde que botou a andar no ano 2021, un total de 750 mozos e mozas levan participado nesta iniciativa que lles posibilita traballar con mentores que lles asesoran de xeito continuo, á vez que realizar actividade formativas, asistir a eventos e visitar empresas.
Requisitos
As persoas que desexen participar neste programa deben ter entre 18 e 30 anos de idade e ter rematado os estudos universitarios, de Formación Profesional ou de réxime especial nalgún centro galego. Ademais, deben formar parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.