Medio Rural destaca o potencial da castaña confeitada, na que `Cuevas Marrón Glacé´ é unha referencia
San Cibrao das Viñas (Ourense), 11 de decembro de 2024
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe as instalacións de Cuevas Marrón Glacé, situadas no polígono de San Cibrao das Viñas, onde foi recibido polo director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste; e pola xerente de Cuevas e Cía, Rocío Cid. Alí puxo en valor o potencial da castaña confeitada no mercado, no que a empresa ourensá é unha referencia.
Neste sentido, cómpre lembrar que a nosa comunidade conta coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia que, con datos de 2023, dispón de 1.393 hectáreas inscritas, 165 produtores, nove comercializadores-almacenistas e seis industrias de procesado. O pasado ano certificáronse dentro desta IXP algo máis de 60.000 quilos, o que representa triplicar o dato de 2022. O Grupo Cuevas sobresae pola súa produción de castaña, que exporta a preto dunha trintena de países dos cinco continentes.