A Xunta inviste preto de 320.000 € na mellora de camiños rurais en sete concellos da comarca de Caldas e O Ullán

O delegado territorial visitou os resultados das obras levadas a cabo grazas ao Plan Marco 2024-2025 e lembrou as actuacións que foron posibles grazas á convocatoria do 2023-2024

O Plan Marco permitiu mellorar o camiño de acceso da PO-220 ao Noval

A convocatoria deste ano conta cun orzamento de máis de 3,2 millóns para o total da provincia de Pontevedra

Cuntis, 11 de decembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora de acceso da PO-220 ao Noval. 

As obras, que foron posibles grazas ao Plan Marco 2024-2025 da consellería de Medio Rural e contaron cun orzamento de 55.750 euros, permitiron mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas da zona. 

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar as obras que se levaron a cabo neste concello grazas ao Plan Marco 2023-2024 e que, cun orzamento semellante ao deste ano, permitiron mellorar o camiño de acceso ao núcleo diseminado de Belai, así como o camiño da Toxeira-Piñeiros.

Cabe destacar que o Plan Marco 2024-2025 deixará na comarca de Caldas e Ullán preto de 320.000 euros en investimentos que permitirán, ademais da obra visitada, mellorar o pavimento do camiño de Cesar a Cesariños, en Caldas de Reis; mellorar o camiño de Porta do Conde a Outeiriño, en Portas; mellorar varios camiños municipais no concello de Catoira; actuar sobre o acceso a varias parcelas agrícolas nos lugares do Calvo e o Pazo, no concello de Moraña; mellorar a pista da Barosa e o camiño do Ullán, en Pontecesures; e mellorar un camiño municipal no lugar de Carracido, en Valga. 

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar que “os alcaldes son os que mellor coñecen os retos e necesidades dos seus concellos e por iso son tan importantes este tipo de iniciativas de colaboración entre institucións”.  O Plan Marco 2024-2025 conta cun orzamento para a provincia de Pontevedra de máis de 3,2 millóns de euros. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2024