O presidente da Xunta participou en Allariz no I Foro de Emprendemento Rural 2024
Rueda reafirma o compromiso da Xunta co emprendemento no rural galego como clave para atraer talento e fixar poboación
Destaca medidas como a Rede de Polos de Emprendemento mediante a cal a comunidade xa conta con 15 centros activos que, desde 2022, prestaron asesoramento a preto de 3.000 proxectos empresariais
O Goberno galego impulsa un Plan específico e transversal para fomentar a remuda xeracional no agro e que conta, entre outras iniciativas, con accións de formación, sensibilización e titorización
Allariz (Ourense), 12 de decembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego co emprendemento como un dos piares fundamentais para revitalizar o rural, atraer talento e fixar poboación nel. “Cando alguén quere emprender hai que darlle todas as facilidades”, indicou, ao mesmo tempo que asegurou que o rural galego “ten futuro grazas a todas as persoas que apostaron e seguen apostando por el”.
Así o destacou durante a inauguración do I Foro de Emprendemento Rural, que se organiza hoxe e mañá a Fundación Roberto Rivas en Allariz, e onde puxo de manifesto a importancia de iniciativas coma esta para reflexionar e construír solucións que impulsen o desenvolvemento do territorio.
No acto, no que tamén estivo presente a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, Rueda fixo fincapé nos esforzos da Xunta para promover un rural dinámico e innovador, a través de medidas como a Rede de Polos de Emprendemento mediante a cal a comunidade xa conta con 15 centros activos que, desde 2022, prestaron asesoramento a preto de 3.000 proxectos empresariais. “O que intentamos é buscar o talento e que este non renuncie a emprender onde vive ou onde quere vivir”, apuntou.
Así mesmo, a Xunta impulsa un Plan específico e transversal para fomentar a remuda xeracional no agro e que conta, entre outras iniciativas, con accións de formación, sensibilización e titorización. Uns apoios grazas aos que preto de 5.000 mozos e mozas se incorporaron a explotacións agrícolas ou gandeiras na comunidade desde 2009.
Cabe destacar tamén que todas estas e outras accións sitúan a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, polo que Rueda instou a seguir colaborando entre todos para transformar o potencial do rural galego en realidades concretas que xeren riqueza, emprego e benestar.