Medio Rural suprime as penalizacións na presentación da solicitude única da PAC polos temporais e os incendios do pasado verán
Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a resolución que recoñece como circunstancias excepcionais as condicións agroclimáticas adversas derivadas das borrascas acontecidas entre novembro de 2025 e febreiro de 2026, así como os efectos dos incendios
Non se aplicará ás peticións de achega da actual campaña da PAC presentadas a redución do 1 % dos importes das axudas por cada día hábil de atraso na súa presentación ou na documentación que a acompaña
En abril publicouse un paquete de flexibilizacións destinado a minimizar os efectos dos temporais, co obxectivo aliviar as cargas de obrigas ás que os beneficiarios deben facer fronte para cobrar estas axudas
A maiores, a principios deste mes tamén se recoñeceron como forza maior as zonas afectadas polos lumes do verán pasado, xa que está a dificultar o cumprimento dos compromisos que deben asumir os beneficiarios
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026
O Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se adapta na nosa comunidade a aplicación das penalizacións sobre a presentación da solicitude única Política Agraria Común (PAC) aos afectados polos temporais e os incendios do pasado verán.
Neste sentido, recoñécense como circunstancias excepcionais, aos efectos da aplicación da normativa reguladora da solicitude única da PAC, as condicións agroclimáticas adversas derivadas das sucesivas borrascas acontecidas entre novembro de 2025 e febreiro de 2026, así como os efectos dos incendios forestais do pasado verán en Galicia, que dificultaron significativamente ás persoas agricultoras e gandeiras o desenvolvemento dos labores agrarios, a programación das actividades das explotacións e o cumprimento de determinados requisitos asociados. Así mesmo, a delimitación exacta das superficies queimadas retrasou a dispoñibilidade de información precisa para a correcta tramitación das solicitudes das axudas.
Polo tanto, acórdase non aplicar ás peticións de achega da campaña da PAC 2026 presentadas ata a finalización do período de modificación da solicitude única -31 de maio-, a redución do 1 % dos importes das axudas por cada día hábil de atraso na súa presentación ou na documentación que a acompaña.
Flexibilizacións para os afectados polos temporais
Esta medida súmase ao paquete de flexibilizacións destinado a minimizar os efectos dos temporais deste pasado outono publicado no DOG o pasado mes de abril co obxectivo aliviar as cargas de obrigas ás que os beneficiarios deben facer fronte para cobrar estas axudas. Debido a causas de forza maior, as autoridades competentes poden establecer flexibilizacións adicionais para paliar os efectos de fenómenos catastróficos, e así, estas novas veñen a sumarse ás que xa había no ámbito da PAC.
Dentro destas modificacións destacan, entre outras, a redución da esixencia da carga gandeira no ecorrexime de pastoreo extensivo ou as flexibilidades na condicionalidade reforzada. Suavizouse tamén a BCAM 7, coa posibilidade de declarar como barbeito aquelas parcelas nas que por causa dos temporais non resultara viable o cultivo sementado ou que non se puidese ter realizado a sementeira.
Requisitos para os damnificados polos incendios
A maiores, este mesmo mes tamén se publicou outra resolución que flexibilizaba os requisitos para os beneficiarios das campañas 2025 e 2026 da PAC afectados polos incendios forestais do pasado verán, ante a dificultade de cumprir cos compromisos que deben asumir os agricultores e gandeiros beneficiarios.
Por esta razón, recoñeceuse de oficio a situación de forza maior para as explotacións situadas nas zonas afectadas delimitadas conforme aos perímetros dos incendios nos que se declarara a situación operativa 1 e 2. Así mesmo, establecéronse como admisibles as superficies agrarias localizadas nestas zonas para os efectos de percepción das axudas directas e das de desenvolvemento rural.
No caso concreto da apicultura, naquelas alvarizas situadas en zonas afectadas non se aplicarán penalizacións por incumprimento do mantemento de compromiso, considerándose determinadas as colmeas solicitadas ata o máximo das comprometidas, mesmo no caso de perda das alvarizas como consecuencia dos incendios. Tamén se reducirá o limiar mínimo de movementos no caso da axuda asociada para persoas gandeiras extensivas e semiextensivas de ovino e caprino de carne.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260519/AnuncioG1534-150526-0001_gl.html