No DOG nº 34, do 20 de febreiro de 2026 publicouse a Orde 13 de febreiro de 2026 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR239Q, MR240D, MR241C e MR241D).
Posteriormente publicouse a Orde do 15 de abril de 2026 pola que se modifica a Orde do 13 de febreiro de 2026 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR239Q, MR240D, MR241C e MR241D). Esta modificación tivo por obxecto introducir determinadas flexibilidades na xestión das intervencións do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, así como ampliar o prazo de presentación da solicitude única ata o 15 de maio de 2026, tendo en conta as circunstancias excepcionais concorrentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Conforme ao artigo 4 do Real decreto 1047/2022 de 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan Estratéxico e outras axudas da Política Agrícola Común, correspóndelle á autoridade competente valorar a concorrencia de situacións de forza maior ou circunstancias excepcionais cando se produzan acontecementos alleos á vontade das persoas beneficiarias que impidan o cumprimento das obrigas derivadas da súas solicitudes. Ademais, e tal como establece o punto dous de dito artigo, cando unha catástrofe natural grave ou un fenómeno meteorolóxico grave afecten seriamente a unha zona claramente determinada, a autoridade competente poderá considerar toda a zona como zona seriamente afectada pola catástrofe ou o fenómeno.
Por outra banda, o artigo 108.3 do Real decreto 1048/2022 de 27 de decembro, sobre a aplicación, a partir de 2023, das intervencións en forma de pagos directos e o establecemento de requisitos comúns no marco do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común, penaliza as solicitudes presentadas con posterioridade á finalización do prazo de modificación da solicitude única cunha redución do 1 % por cada día hábil de atraso, agás nos supostos de forza maior e/ou concorrencia de circunstancias excepcionais.
Galicia, desde novembro de 2025 ata febreiro de 2026, sufriu os efectos de sucesivas borrascas atlánticas que provocaron condicións meteorolóxicas adversas persistentes, con elevados niveis de precipitación que dificultaron significativamente ás persoas agricultoras e gandeiras galegas o desenvolvemento das labores agrarias, a programación das actividades das explotacións e o cumprimento de determinados requisitos asociados ás axudas da PAC.
Neste contexto, o Consello de Ministros, na súa reunión do día 10 de febreiro de 2026, declarou como zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de protección civil os territorios afectados por estes episodios, entre eles a Comunidade Autónoma de Galicia, recoñecendo o seu carácter extraordinario.
A pesar da ampliación do prazo ata o 15 de maio, persisten as dificultades para a presentación das solicitudes dentro do prazo establecido, debido á continuidade dos efectos das condicións agroclimáticas adversas, en particular os asolagamentos e a imposibilidade de acceso a determinadas parcelas.
Adicionalmente, cómpre ter en conta os efectos derivados dos incendios forestais acontecidos no verán de 2025 en Galicia, xa recoñecidos como causa de forza maior mediante Resolución do 22 de abril de 2026, que continúan afectando á estrutura produtiva das explotacións, á delimitación das superficies e á dispoñibilidade de información precisa para a correcta tramitación das solicitudes de axudas da PAC.
Á vista do exposto, considérase que a concorrencia de circunstancias excepcionais, derivadas tanto das condicións meteorolóxicas adversas de carácter prolongado como dos efectos persistentes dos incendios forestais, xustifica a non aplicación da penalización prevista na normativa estatal ás solicitudes únicas de axuda presentadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
A Dirección do Fogga é, conforme o disposto no artigo 3.1 do Real decreto 1048/2022, do 27 de decembro, a autoridade competente na Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión das axudas reguladas no dito real decreto.
A disposición derradeira primeira da Orde do 13 de febreiro de 2026, polas que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, faculta a persoa titular da Dirección do Fogga, no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións precisas para a execución destas ordes.
En exercicio das competencias atribuídas á Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria,
RESOLVO:
Primeiro
Recoñecer como circunstancias excepcionais, aos efectos da aplicación da normativa reguladora da solicitude única da PAC, as condicións agroclimáticas adversas derivadas das sucesivas borrascas acontecidas entre novembro de 2025 e febreiro de 2026, así como os efectos persistentes dos incendios forestais do verán de 2025 en Galicia.
Segundo
Non aplicar , para a campaña 2026, ás solicitudes de axudas da PAC reguladas na Orde do 13 de febreiro de 2026 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR239Q, MR240D, MR241C e MR241D) presentadas ata a finalización do período de modificación da solicitude única (31 de maio de 2026), a redución do 1 % dos importes das axudas por cada día hábil de atraso na presentación da solicitude ou na documentación que a acompaña prevista no artigo 108.3 do Real decreto 1048/2022.
Terceiro
A presente resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación ante a Presidencia do Fondo Galego de Garantía Agraria, de conformidade cos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria
