Os conselleiros do Mar e de Facenda asinan a addenda ao convenio que permite a continuidade no desenvolvemento do proxecto Lonxas 4.0
A Xunta impulsa con outros 2,6 M€ a modernización tecnolóxica das lonxas e do seu proceso de comercialización
O esforzo inversor da Administración galega contribúe a unha xestión máis eficiente do sector pesqueiro tanto nas vendas como na trazabilidade dos produtos, incrementando a seguridade alimentaria
20 rulas e 32 confrarías de pescadores e entidades xestoras de primeira venda beneficiaranse desta iniciativa
De xaneiro a novembro, as lonxas galegas levan facturados máis de 342M€ pola comercialización de preto de 98 millóns de quilos
Bueu (Pontevedra), 12 de decembro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asinaron este xoves a addenda ao acordo de colaboración entre a Consellería do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, co fin de incrementar o impulso do proxecto Lonxas Galegas 4.0. En total, 2.578.855 que contribuirán á modernización tecnolóxica destas instalacións e dos procesos de comercialización e xestión que nelas se desenvolven.
Este esforzo inversor do Goberno galego, previsto para 2025 tal e como detallaron os responsables autonómicos, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, redundará nunha xestión más eficiente do sector pesqueiro, tanto no relativo a comercialización, como na trazabilidade dos produtos, incrementando en paralelo a seguridade alimentaria; outro dos obxectivos que comparten tanto os profesionais do mar como a Xunta de Galicia.
Actuacións concretas
Esta actuación está destinada a ampliar os dous programas que contempla Lonxas 4.0. Trátase, en primeiro lugar, da solución de comercialización dispoñible (XESCOM), que permite, a partires da información obtida na identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas, a súa poxa nas distintas modalidades, a emisión dos documentos relacionados coa comercialización dos produtos, a xeración das notas de primeira venda e a súa correcta transmisión á autoridade competente.
En segundo lugar, dá continuidade á solución de xestión dispoñible (XESLON) para lonxas e confrarías, que permite a xestión da súa actividade (comercialización, subministracións, prestación de servizos, ...), así como da contabilidade, sistemas de cobros, pagos ou dos impostos coas distintas administracións públicas, ademais da xestión social da entidade (censo, información de interese, etc.).
Por outra banda, neste proceso de dixitalización das rulas, destacan os caixeiros Ticpesc, dos que xa hai instalados 67, que permiten a xestión electrónica da documentación asociada ao traballo diario como o documento de transporte -para as embarcacións que desembarcan en portos distintos á lonxa-, o documento de orixe, o documento de alternancia ou a declaración de zona de traballo. Ademais, permiten ás persoas dedicadas á acuicultura de bivalvos a obtención do documento de rexistro para trasladar os moluscos desde o porto ata a depuradora así como o documento para devolver os moluscos bivalvos á orixe no caso de producirse un peche por biotoxina.
Desta colaboración beneficiaranse 20 centros de venda, no que se aplicará a solución de comercialización (12 na provincia de A Coruña, 2 na de Lugo e 6 na de Pontevedra), e 32 confrarías de pescadores e entidades xestoras de lonxas e centros de primeira venta (18 na provincia de A Coruña, 6 na de Lugo e 8 na de Pontevedra), nas que se implantará a solución de xestión.
Vendas 2024
Os conselleiros do Mar e de Facenda formalizaron a sinatura da addenda na lonxa de Bueu, unha das beneficiarias desta iniciativa, que o pasado ano rexistrou unha venda de 448.903 kilos, o que supuxo unha facturación de máis de 3 millóns de euros. De xaneiro a novembro, as lonxas galegas levan facturados máis de 342 millóns de euros pola comercialización de case 98 millóns de quilos.