A Xunta e o sector impulsan un proxecto para estudar medidas para garantir a interacción sostible das especies mariñas e as artes de pesca
Soutomaior (Pontevedra), 24 de xullo de 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse co sector pesqueiro na sede da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra para avaliar de forma conxunta e coordinada as interaccións da fauna mariña, na área da enseada de San Simón. No marco do encontro, examinouse un proxecto de investigación que botará a andar en agosto coa colaboración da propia Federación e da Confraría de Arcade para estudar medidas concretas que garantan a convivencia sostible entre as diferentes especies nesta parte do litoral e a actividade extractiva.
Durante a xuntanza, o representante autonómico reafirmou o compromiso da Consellería do Mar de colaborar estreitamente co sector para definir solucións técnicas e operativas que protexan as especies ao tempo que aseguran a viabilidade, seguridade e rendemento económico da actividade realizada con artes de pesca tradicionais.