Lete asegura que a conversión do CGTD nun centro de alto rendemento afianzará a Galicia como un polo de turismo deportivo cos mellores deportistas

A transformación do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun centro integrado de tecnificación e alto rendemento posibilitará, ademais, dar resposta ao incremento do alto nivel en Galicia que xa acada 1.456 deportistas recoñecidos

Ourense, 12 de decembro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na inauguración do VII Salón do Deporte e Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ e do V Congreso Internacional de Turismo e Deporte que terán lugar no recinto feiral de Expourense entre o día de hoxe e mañá. Alí, o mandatario galego destacou a importancia de turismo e deporte como “as dúas caras dunha mesma moeda, subliñando a aposta decidida polos espectáculos deportivos como principais dinamizadores da sociedade e da economía dun territorio”.

O responsable do Deporte galego definiu esta dobre cita do turismo deportivo en Ourense e en Galicia como un dos eventos máis importantes do calendario deportivo. Por unha banda, ‘Sportur Galicia’ camiña xa pola súa sétima edición como un evento destinado a todos os públicos, xuntando nos seus expositores a entidades de Galicia, España, Portugal e mesmo Arxentina, cunha media de 10.000 visitantes cada ano e preto dun centenar de actividades. Pola outra, o Congreso Internacional, ofrece por quinto ano consecutivo a oportunidade de coñecer casos de éxito de destinos e modelos españois e internacionais que poden ser adaptados e reproducidos por outras entidades mostrando, dun xeito máis pedagóxico e didáctico, as sinerxías existentes entre os sistemas deportivo e turístico. O congreso conta con 200 participantes presenciais e medio centenar en liña.

Lete Lasa apuntou cara unha das accións máis importantes que está a levar a cabo a Xunta de Galicia como é a conversión do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun centro integrado de tecnificación e alto rendemento o que posibilitará dar resposta ao incremento do alto nivel en Galicia que xa acada 1.456 deportistas recoñecidos, o número máis alto da historia. O secretario xeral asegurou que ter aos mellores deportistas en Galicia, como xa sucede en deportes como o piragüismo ou o tríatlon, de xeito permanente posibilita que a nosa comunidade afiance a súa posición como referente nacional e internacional do deporte. Neste sentido, Lete Lasa lembrou a importancia do traballo xunto que se está a realizar co Instituto Galego de Estatística para que Galicia se converta na primeira comunidade cunha conta satélite do deporte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2024