A Xunta destaca o papel da Intelixencia Artificial para dotar de maior calidade, eficacia e eficiencia aos servizos públicos
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta tarde a conferencia Bases para a regulación e a gobernanza da Intelixencia Artificial no sector público, impartida polo profesor de Dereito Administrativo da USC, Marcos Almeida Cerreda
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a sesión formativa e destacou que a IA permitirá ofrecer uns servizos públicos con maior calidade e eficiencia
Marcos Almeida Cerreda sinalou que “é preciso regular e garantir que o emprego dos sistemas da IA por parte do sector público non supoña unha mingua dos dereitos das persoas nin un debilitamento do Estado de dereito”
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024
O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago Marcos Almeida Cerreda impartiu esta tarde unha conferencia na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) co título Bases para a regulación e a gobernanza da Intelixencia Artificial no sector público. Esta sesión encádrase no ciclo de conferencias sobre novidades lexislativas no ámbito autonómico, organizado pola Escola.
Marcos Almeida Cerreda é un dos integrantes da Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial en Galicia. Este organismo, creado pola Xunta no 2023, está formado por dez persoas expertas en diferentes ámbitos, como a economía, a filosofía, a evolución humana, a tecnoloxía aplicada, a ética e normativa ou a política pública.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a conferencia e destacou a importancia de que Galicia vaia a dispoñer da primeira lei de ámbito rexional en Europa sobre o uso da intelixencia artificial, unha norma que garantirá o respecto aos dereitos fundamentais das persoas e as vías de supervisión humana nos procedementos administrativos que empreguen esta tecnoloxía.
Ademais, lembrou que os sistemas da IA xa se empregan actualmente na Administración Pública para reducir os tempos e facilitar as tramitacións por parte da cidadanía e do persoal empregado público con sistemas como a Plataforma de Automatizacións da Xunta de Galicia.
Finalmente, incidiu na destacada transformación que experimentarán as administracións nos próximos anos, tal e como recoñece a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que prevé que a IA mellorará o modelo de relación das administracións coa cidadanía a través do uso de datos que permitirán optimizar e dotar de maior calidade, eficiencia e transparencia os servizos públicos prestados e aumentará a fiabilidade na toma de decisións.
Pola súa banda, Marcos Almeida sinalou que o emprego dos sistemas de intelixencia artificial asegura unha maior eficacia e eficiencia na prestación dos servizos públicos e na tramitación dos procedementos administrativos. Ademáis, apuntou que os servizos públicos ofertaránsenos de forma máis rápida e con maior calidade respecto aos estándares actuais e dunha forma persoalizada.
O profesor da Universidade de Santiago tamén salientou que é preciso regular e garantir que o emprego dos sistemas da IA por parte do sector público non supoña unha mingua dos dereitos das persoas nin un debilitamento do Estado de dereito no mundo dixital. Neste sentido, puxo en valor a futura lei galega que regulará o uso da IA, que conlevará a creación de novos órganos no ámbito autonómico como a oficina de intelixencia artificial. Este organismo encargarase de controlar e supervisar como se implantan os proxectos da IA no sector público na nosa Comunidade.
Marcos Almeida afirmou que a IA require dunha correcta regulación, que debe ser flexible, dúctil e con capacidade de adecuación e adaptación, baseada en principios xurídicos que orienten, dean directrices, interactúen entre eles, sexan vinculantes e cunha base legal.
Durante a súa intervención, Marcos Almeida explicou o catálogo de principios reitores para regular o deseño, adquisición, implementación e o emprego dos sistemas de intelixencia artificial polas entidades do sector público a nivel nacional. Entre eles, destacou os metaprincipios de legalidade e servizo ao interese xeral, planificación, recurso aos mellores estándares e técnicas dispoñibles e asequibles, dilixencia debida, precaución e rendición de contas.
Tamén resaltou a importancia dos principios sistémicos nos que se inclúen os relativos á ordenación, actividade, control e as garantías fronte aos sistemas de intelixencia artificial. No eido das garantías, citou os principios de reserva de humanidade e revisión humana, seguridade e privacidade e (de) limitación dos impactos negativos.
Por último, Marcos Almeida concluíu que a regulación da IA debe basearse tamén nuns principios intersistémicos, que implican a utilización de mecanismos de colaboración entre o sector público, privado e a sociedade civil para acadar un consenso que beneficie a todos.