Máis dun cento de persoas formarán parte da 17ª promoción de policía local da Agasp para cubrir prazas nunha trintena de concellos

O DOG publica hoxe a convocatoria do curso básico selectivo que deberá superar o alumnado e do que comezarán as clases o próximo 17 de xaneiro

Da próxima promoción formarán parte os aspirantes que superaron os anteriores exercicios da oposición unificada para optar a 90 vacantes en máis de 32 concellos e outras 15 prazas noutros cinco municipios

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do curso básico selectivo para o acceso a categoría de policía local correspondente á 17ª promoción de Policía Local da que formarán parte máis dun cento de persoas para cubrir as correspondentes prazas en máis dunha trintena de concellos.

O curso levarase a cabo nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) desde o próximo 17 de xaneiro, día no que comezarán as clases ata o 3 de outubro.  A parte teórica, coma cada ano, comprende dous períodos, neste caso do 17 de xaneiro ao 27 de xuño e do 29 de setembro ao 3 de outubro, xa que no período estival nos meses de xullo a setembro o alumnado realiza a formación práctica nos seus concellos de procedencia.

Durante a formación abordaranse módulos relacionados cos ámbitos xurídico, operativo, asistencial, técnico, ou social-humanístico, así como policía de tráfico, administrativa, xudicial e de investigación, tendo máis de 900 horas lectivas de formación na Agasp, xunto coas 500 horas de prácticas nos concellos de procedencia.

Da próxima promoción formarán parte os aspirantes que superaron o proceso selectivo unitario para optar a 90 prazas en 32 concellos, ás que se suman outras 15 prazas doutros cinco municipios que convocaron as vacantes á marxe das oposicións unificadas.

O curso básico é o último paso antes de que os integrantes da promoción poidan ser nomeados funcionarios de carreira. Nos últimos meses xa superaron os cinco exercicios do proceso selectivo: o test de coñecemento, a proba de lingua galega para as persoas aspirantes non exentas, as probas físicas, a proba psicotécnica para determinar as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais e, por último, o recoñecemento médico para garantir que as persoas aspirantes estean nas condicións axeitadas para o desenvolvemento das funcións policiais.

A finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso de maior transparencia e axilidade. A maiores, a confección de listas única facilita tamén a contratación.

Ademais de formar as promocións de policía local e auxiliares e das categorías de mando, a Agasp é o centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias, cun amplo plan de formación continua anual.

Data de actualización: 13/12/2024