Dentro das actividades programadas para o ano 2024 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso selectivo para a categoría de policía dos corpos da Policía Local, segundo o previsto no artigo 35.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e nos artigos 51 e seguintes do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
Dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos da Policía Local, facilitándolles a competencia e capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.
Persoas destinatarias.
O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron os procesos selectivos para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos da Policía Local dos diferentes concellos de Galicia e para a súa realización serán nomeados/as funcionarios/as en prácticas deses concellos.
Solicitudes.
1. Os concellos deberán remitirlle un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron o proceso selectivo para o acceso á categoría de policía, escala básica do corpo da Policia Local de cada concello.
Estarán exentos desta comunicación aqueles concellos adheridos ao proceso selectivo convocado pola Orde do 31 de maio de 2024 (DOG número 114, do 13 de xuño).
Contido e duración do curso.
O curso desenvolverase en réxime de internado na sede da Academia Galega de Seguridade Pública en sesións de mañá e tarde, de luns a sábado*, e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:
– Xurídico.
– Policía de tráfico.
– Operativo.
– Asistencial.
– Técnico.
– Policía administrativa.
– Social-humanístico.
– Policía xudicial e de investigación.
– Formación física.
O curso terá unha duración de 1.400 horas lectivas, 900 horas de formación na Agasp en réxime de internado e 500 horas de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.
*Os sábados lectivos indicaránselle no comezo do curso ao alumnado.
Desenvolvemento do curso.
O alumnado da Agasp, durante o seu período de permanencia nela rexerase polo Regulamento de réxime interior desta, publicado pola Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG do 12 de febreiro, número 30.
De acordo co establecido no artigo 59 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e no artigo 25.e) do Regulamento de réxime interior da Academia, mediante orde da xefatura de ensino poderanse levar a cabo as probas necesarias, sen aviso, de xeito aleatorio ou específico entre o alumnado para verificar esas situacións.
Datas:
– Este curso desenvolverase desde o día 17 de xaneiro de 2025 ao 3 de outubro de 2025.
– Na Academia, en dous períodos:
Do 17 de xaneiro ao 27 de xuño de 2025.
Do 29 de setembro ao 3 de outubro de 2025.
– Nos concellos de procedencia realizando o período de prácticas:
Do 28 de xuño de 2024 ao 28 de setembro de 2025.
Informe final.
De acordo co previsto no artigo 55 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso selectivo, a persoa titular da dirección da Agasp certificaralle a dita circunstancia ao concello, de maneira que poida efectuarse o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.
Os concellos de procedencia do alumnado deberán remitirlle á Agasp, ao remate do período de prácticas, un informe individual por cada alumno/a elaborado polo/a xefe/a de policía en que reflicta se o dito alumnado superou o período de prácticas. Así mesmo, ese informe deberá presentarse xunto co escrito, ao cal lle serve de base, asinado pola persoa titular da alcaldía ou da concellería respectiva, no suposto de ter delegada a dita competencia, no cal o concello dálle conta á Agasp do resultado da avaliación das prácticas.
Tendo en conta que este informe vincula directamente o concello de procedencia ao decidir sobre a superación ou non do período de prácticas do alumnado, e polo tanto da súa futura toma de posesión como funcionario/a de carreira dese concello, ao resolver, polo tanto, un procedemento para o nomeamento de persoal municipal, o informe que anteriormente se indica deberá asinalo, tal e como indica o artigo 54 do Decreto 15/2023, ou ben a persoa titular da alcaldía ou ben a persoal titular da concellería con competencias directas en materia de nomeamento de persoal e/ou seguridade pública.
Este informe debe remitírselle á Agasp entre os días 29 e 30 de setembro de 2025.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 4 de decembro de 2024
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
