A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe un terreo cinexeticamente ordenado no concello do Pereiro de Aguiar
A Xunta destinará o próximo ano 270.000 € ao sector da caza para optimizar a xestión dos recursos cinexéticos
Ángeles Vázquez avanza que a próxima semana se publicará unha nova convocatoria destas axudas, ás que poderán optar os 449 tecores rexistrados en Galicia para mellorar os hábitats das especies cinexéticas e para construír tobeiras artificiais
Salienta a implicación do colectivo de persoas cazadoras para asegurar unha xestión axeitada dos recursos naturais e garantir o equilibrio coa fauna silvestre
O Pereiro de Aguiar (Ourense), 13 de decembro de 2024
A Xunta destinará o próximo ano un total de 270.000 euros a apoiar iniciativas e actuacións que axuden a optimizar a xestión dos recursos e hábitats cinexéticos a través dunha nova convocatoria das axudas dirixidas a titulares de terreos cinexeticamente ordenados (tecores).
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ao tecor do Pereiro de Aguiar, cuxos titulares (a Sociedade de cazadores Pereiro de Aguiar) se beneficiaron dunha achega de 10.882,74 euros no marco da convocatoria deste ano.
Tras explicar que a previsión é que a orde de 2025 saia publicada no Diario Oficial de Galicia a próxima semana, a responsable autonómica explicou que os 449 tecores rexistrados na Comunidade poderán acollerse a dúas liñas de actuación.
Por un lado, convocaranse axudas para intervencións que melloren os hábitats cinexéticos mediante a realización de labores de roza e trituración de mato, fertilización e sementeira de cereal, entre outras (cun límite de 10.000 euros por achega) e por outro, tamén se apoiará a construción de tobeiras artificiais (con incentivos de ata 6.000 euros).
Como criterios de avaliación das actividades subvencionables, teranse en conta os datos da superficie na que se pretende intervir, os propios investimentos solicitados e a densidade das capturas de especies de aproveitamento cinexético. Ademais, as entidades beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata o 50% da axuda concedida.
A caza, clave para o control da fauna silvestre
A superficie cinexética de Galicia comprende máis do 80% do territorio, polo que a caza resulta unha ferramenta fundamental e necesaria para o control das poboacións das especies silvestres presentes na Comunidade e co fin de acadar un equilibrio ecolóxico no normal desenvolvemento dos ecosistemas naturais.
Por iso, a conselleira incidiu na importancia de fomentar as boas prácticas durante a actividade cinexética, incluída a xestión adecuada dos seus hábitats para contribuír deste xeito á riqueza das especies sometidas a este tipo de aproveitamento.
Neste contexto Ángeles Vázquez enmarcou, precisamente, a orde de axudas aos tecores que desde hai varios anos convoca o seu departamento para animar ao sector a realizar investimentos sobre os terreos cinexéticos que xestionan, con actuacións que contribúen a mellorar estes hábitats e ao equilibrio da fauna silvestre no medio natural.