Medio Rural organizou unha xornada formativa sobre cultivo hortícola ecolóxico en Salceda de Caselas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria programou esta acción ao longo de dous días en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega)

A primeira sesión estivo centrada nas diferentes técnicas de cultivo hortícola, mentres que a segunda versou sobre a fertilidade do solo, a súa análise e a súa interpretación

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2024

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), vén de organizar unha xornada formativa sobre horta ecolóxica. Esta acción tivo lugar ao longo de dous días na Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, situada no concello pontevedrés de Salceda de Caselas, durante esta semana.

A primeira sesión estivo centrada nas diferentes técnicas de cultivo hortícola que se poden levar a cabo de xeito ecolóxico. Neste relatorio abordáronse tamén cuestións como o manexo do solo e dos residuos xerados na explotación, as operacións de cultivo, rega e manexo de invernadoiros ou o manexo de substratos para a produción de plantóns hortícolas.

A última xornada versou sobre a fertilidade do solo, así como sobre a súa análise e interpretación. Polo tanto, tratáronse nocións sobre a nutrición vexetal, os principais parámetros que inflúen na fertilidade do solo, as emendas e fertilizantes ou exemplos de analíticas e interpretación.

Este tipo de iniciativas formativas amosan a aposta da Axencia Galega da Calidade Alimentaria por acadar un sector agroalimentario formado e respectuoso co medio ambiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2024