A Consellería do Medio Rural promociona os produtos agroalimentarios con selo de calidade diferenciada cun Mercado de Nadal en Lugo

A titular do departamento, María José Gómez, visitou esta tarde esta iniciativa que se celebrará durante toda a fin de semana na Praza Horta do Seminario

Ademais de contar coa participación de 25 operadores, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria presenta neste mercado un amplo programa de actividades para os asistentes

Lugo, 13 de decembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta tarde o Mercado Alimentario de Nadal promovido polo seu departamento que se está a celebrar esta fin de semana na Praza Horta do Seminario da capital lucense. Gómez estivo acompañada pola alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a vicepresidenta 1ª do Parlamento, Elena Candia.

Durante o seu percorrido polos diferentes expositores do evento, a conselleira puxo de relevo a iniciativa, centrada na posta en valor dos produtos artesás, así como doutras elaboracións amparadas polas diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas promovidas polo Goberno galego. A conselleira salientou tamén a boa acollida que tiveron as anteriores edicións deste mercado, celebradas en Vigo e Ribadavia. Ademais, destacou que este ciclo de promoción rematará en Santiago de Compostela na fin de semana do 20 ao 22 de decembro, coa celebración do último dos catro mercados de Nadal que percorreron as provincias galegas.  

Ademais de contar coa presenza de 25 operadores participantes, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria preparou un completo programa de actividades para dinamizar os eventos. Esta tarde haberá obradoiros infantís de postais, chapas de Nadal ou tatuaxes. Ademais, farase unha maridaxe de queixos e embutidos con sidra artesá e está tamén prevista unha visita de Papá Noel, que será recibido con degustación de chocolate quente.

Programa para a fin de semana

Mañá sábado o mercado abrirá desde as 11:00 ata as 14:00 horas e a partir das 16:00 ata as 20:30 horas. O programa incluirá tamén obradoiros infantís, así como talleres de elaboración de amuletos con miga de pan ou de xeados con queixo artesán. A maiores, celebraranse degustacións de derivados cárnicos, unha merenda con ideas para un pique-nique artesán, maxia para todos os públicos e sorteos de lotes de produtos.

A derradeira xornada dinamizarase cunha demostración de cociña de almorzos con produtos de calidade e outra centrada na degustación conxunta deste tipo de elaboracións. Para os máis cativos, haberá un obradoiro de xeados con turrón e con mel. O mercado rematará ás 19:00 horas cun sorteo de produtos agroalimentarios e unha sesión de monólogos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024