O presidente galego asistiu á primeira toma de mostras do Proxecto Xenoma no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela

Rueda destaca a aposta da Xunta na prevención de enfermidades coa posta en marcha dun proxecto pioneiro para avaliar o mapa xenómico de 400.000 galegos

Asegura que o proxecto Xenoma é un exemplo “da medicina moderna e de futuro que xa se está a realizar en Galicia”

Salienta o “bo traballo diario” da sanidade pública galega que permitiu que esta iniciativa se leve a cabo na comunidade

Os chamados a participar na primeira fase, consistente na recollida de mostras de sangue, pertencen a 15 concellos e, en 2025, a iniciativa continuará coa toma de 1.000 mostras de saliva

O obxectivo é recompilar o ADN de un de cada sete galegos de 35 a 70 anos para identificar variantes xenéticas de alto risco, o que permitirá detectar enfermidades antes de que aparezan e ofrecer tratamentos individualizados 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a posta en marcha na comunidade do proxecto Xenoma Galicia, “unha iniciativa pioneira” que vai permitir “avaliar o mapa xenómico de un de cada sete galegos", é dicir, 400.000 residentes na comunidade. Unha boa mostra, asegurou, “da medicina moderna, a medicina de futuro que xa se está a facer en Galicia”.

Así se referiu, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante a primeira toma de mostras de sangue que se levou a cabo esta mañá no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Un feito que marca o inicio desta iniciativa, que bota a andar hoxe e continuará o vindeiro sábado nos 14 hospitais galegos, coa recollida de probas a un total de 1.000 galegos. Así, os chamados a participar pertencen a 15 concellos –A Coruña, Vigo, Valdoviño, A Illa de Arousa, Vilaboa, Brión, O Pino, Dumbría, Lousame, O Corgo, Pantón, Xove, San Cibrao das Viñas, Monterrei e Rubiá– e, o vindeiro ano, o proxecto continuará coa toma dun millar de mostras de saliva.

Tal e como apuntou Rueda, con esta fase piloto Galicia dá os primeiros pasos para un proxecto que amosa “o bo facer e o traballo diario da sanidade pública galega” e cuxo obxectivo é recompilar o ADN de 400.000 galegos de 35 a 70 anos para identificar variantes xenéticas de alto risco, o que permitirá detectar enfermidades antes de que aparezan e ofrecer tratamentos individualizados. 

Triplo obxectivo

Neste sentido, nesta primeira fase que se inicia hoxe, buscaranse alteracións relacionadas co cancro de mama e ovario hereditarios, o síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ademais, Xenoma Galicia ten outros dous grandes obxectivos que pasan por crear un gran biobanco de datos xenómicos –con datos de 100.000 persoas e que servirá para a investigación biosanitaria– e consolidar a Galicia e Santiago como un polo de investigación e innovación na materia.

Cómpre destacar que a sanidade pública galega xa leva camiño andado para estar á vangarda da medicina personalizada, destacando a futura posta en marcha do centro de protonterapia en 2026 e o centro de terapias CAR-T que xa está operativo, así como na prevención ao ter o calendario vacinal máis completo do mundo, o cribado neonatal máis completo de España ou os programas de cribados de cancro.

O proxecto Xenoma Galicia é unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta a través da Consellería de Sanidade co liderado científico do director da Fundación Pública de Medicina Xenómica, o doutor Ángel Carracedo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2024