O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, a directora científica da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, Eva Poveda, e a directora do Centro galego para a o control e prevención das enfermidades, Marta Piñeiro, interveu na presentación dos cómics no marco do Proxecto Ciencia Aberta
Gómez Caamaño destaca o liderado de Galicia na erradicación do VIH e das infeccións de transmisión sexual como un problema de saúde pública no horizonte de 2030
Sinala que o Plan galego de infeccións de transmisión sexual incorpora un cribado oportunista nas idades de maior incidencia do VIH para facilitar un diagnóstico temperán
Resalta o valor dos cómics sobre o VIH como pezas divulgativas claras e didácticas que contribúen a loitar contra o estigma
Salienta os grandes avances existentes en prevención, diagnóstico e tratamento de infeccións de transmisión sexual, nun contexto de incremento destas infeccións
Vigo, 15 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou o liderado de Galicia na erradicación do VIH e doutras infeccións de transmisión sexual como un problema de saúde público no horizonte de 2030, a través das medidas recollidas no Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030.
Gómez Caamaño, acompañado do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, da directora científica da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, Eva Poveda, e da directora do Centro galego para a o control e prevención das enfermidades, Marta Piñeiro, destacou este traballo durante o acto de presentación dos cómics elaborados dentro da acción VIH Cómics: do paper ao papel, que tivo lugar esta mañá no salón de actos do Hospital Público Álvaro Cunqueiro.
O conselleiro de Sanidade valorou o traballo realizado polos investigadores para unir coñecemento científico de primeiro nivel cun formato innovador, accesible e próximo á cidadanía. Resaltou tamén a coordinación do proxecto levada a cabo pola directora científica do Instituto Galicia Sur, Eva Poveda, especialista en viroloxía e VIH.
Gómez Caamaño mencionou a utilidade dos materias realizados e que a Dirección Xeral de Saúde Pública poderá achegar a centros de saúdes e distintos ámbitos asistenciais e educativos.
Polo traballo excepcional de transformar artigos científicos complexos en pezas divulgativas claras, atractivas e didácticas, o conselleiro de Sanidade tivo unha mención especial para a ilustradora Miriam Rivera.
Medidas para frear as infeccións de transmisión sexual
Gómez Caamaño sinalou o contexto nacional e europeo de incremento das infeccións de transmisión sexual e os cambios nos padróns sociais e de comportamento sexual. Ao mesmo temo, indicou os importantes avances nas ferramentas de prevención, diagnóstico e tratamento.
Por iso a Consellería de Sanidade incorpora medidas como o cribado oportunista de VIH nos tramos de idade de maior incidencia. Isto facilita un diagnóstico temperán mediante probas accesibles e gratuítas, evitando complicacións médicas e reducindo a transmisión comunitaria.
Esta iniciativa recóllese no Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030, que conta cun investimento que supera os 195 millóns de euros. Esta é unha folla de ruta consensuada coa Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde e co departamento autonómico de Xuventude e avalado por diferentes sociedades científicas.