O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino dos seleccionados na categoría de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico
Resultan nomeadas un total de 120 persoas nesta categoría
As persoas seleccionadas disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, convocado por resolución do 19 de abril de 2024.
A resolución deste proceso de adxudicación suporá a incorporación de 120 profesionais fixos ás institucións sanitarias do sistema sanitario galego.
As persoas nomeadas disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo de toma de posesión remata o 5 de novembro de 2026.
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesada e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. Porén, en casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.
Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación nin recurso.