A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue participa no XII Outubro Saudable co reto de acadar 10.000 doazóns e 1.000 rexistros de doantes de medula ósea nas universidades españolas

A Universidade da Coruña encabeza esta iniciativa da REUS na que, centros educativos universitarios de toda España, tentarán acadar unha elevada participación dos estudantes nas distintas campañas de doazón

Santiago, 5 de outubro de 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) está a participar, un ano máis, nunha nova edición do Outubro Saudable, que acada a súa duodécima edición, e que promove a Universidade da Coruña, por medio da UDC Saudable. Esta campaña forma parte do coñecido Reto 10.000, organizado pola Rede Española de Universidades Saudables (REUS). Na presente edición, ao reto de acadar 10.000 doazóns de sangue no mes de outubro entre todas as universidades españolas, engádese un novo obxectivo: acadar 1.000 inscritos como doantes de medula ósea.

Dentro das actividades programadas pola ADOS e que están dentro do XII Outubro Saudable, resulta especialmente salientable a campaña “Un alento de vida”, unha iniciativa que está a percorrer os sete campus das tres universidades galegas co obxectivo de sensibilizar aos membros da comunidade universitaria da necesidade de doar sangue.

Campaña especial

Nesta campaña, ademais dos desprazamentos das unidades móbiles, a Axencia instala, nas inmediacións dos centros educativos universitarios, unha gota de sangue xigante, na que poderán pegarse globos, unha metáfora da doazón de sangue como o aire que os doantes facilitan aos enfermos para ter unha segunda oportunidade de vida.

Neste sentido, salientar que esta montaxe chegará ata as instalacións do INEF o vindeiro 13 de outubro, data na que, ademais a ADOS disporá unha mesa informativa sobre a doazón de medula ósea. Os membros da comunidade universitaria poderán achegarse durante toda a mañá para resolver dúbidas sobre este modo de doazón e saber como facerse doentes.

Datos de participación

O obxectivo da Axencia para o presente curso académico pasa por achegarse ata as 4.500 doazóns de sangue nos sete campus das tres universidades galegas. Neste sentido, salientar que, no transcurso do pasado curso académico 2025-2026, as tres universidades galegas aportaron un total de 4.605 doazóns de sangue, das cales 1.633 doazóns (un 35% dos doantes) correspóndense con persoas que doaban por vez primeira.

A ADOS quere agradecer aos reitorados das tres universidades galegas e, en especial, á UDC Saudable o seu compromiso co labor que desenvolve a Axencia e que permitirá aos estudantes galegos achegarse aos distintos xeitos de doazón, imprescindibles para o sostemento do noso sistema público de saúde.

Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2026