O director do Instituto de Estudos do Territorio presidiu esta mañá a reunión do Consello Asesor da Paisaxe
A Xunta emitiu este ano preto de 1.100 informes paisaxísticos e aprobou a primeira Estratexia de infraestrutura verde autonómica do país
Durante 2024 o organismo autonómico axudou a 50 concellos e a 348 familias a mellorar a imaxe de vivendas e outras construcións, entregou 24 bandeiras verdes a outros tantos municipios e presentou unha nova guía de integración paisaxística
Enrique de Salvador salienta o labor do Goberno autonómico a prol da protección das diferentes formas de paisaxe e da aposta pola cultura do ‘fermosismo’
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), emitiu o ano pasado preto de 1.100 informes en materia paisaxística, unha intensa actividade neste eido que reflicte o traballo e o esforzo realizados polo organismo autonómico encargado de velar pola posta en valor e a protección da paisaxe galega nas súas diferentes formas.
Así o destacou esta mañá o director do IET, Enrique de Salvador, durante o Consello Asesor da Paisaxe, órgano creado no ano 2019 para analizar e orientar as políticas sectoriais da Xunta e que como cada ano por estas datas, se reuniu para ratificar o informe de actuacións desenvolvidas ao longo de 2024 nesta materia e entre as que salientou, como fito principal, a aprobación da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas (EGIVCRE).
Tras sinalar que Galicia se converteu deste xeito na primeira comunidade en dotarse dun instrumento estratéxico propio para o impulso das infraestruturas verdes como elementos integradores da paisaxe e para contrarrestar o cambio climático, o director puxo en valor a intensa actividade desenvolvida polo IET ao longo do último ano.
En concreto, referiuse á emisión dun total de 1.056 informes, solicitados principalmente no marco dos procedementos de avaliación ambiental de diferentes plans e proxectos (339) e para determinar os usos compatibles co Plan de ordenación do litoral (429).
Neste sentido, tamén destacou a consolidación do visor dixital A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, presentado hai dous anos e que é xa unha das ferramentas interactivas do IET máis consultadas. En concreto, no período comprendido entre setembro de 2022 e a actualidade o visor recibiu 28.241 visitas, tivo máis de 9.300 usuarios frecuentes e rexistrou 2.250 descargas.
De feito e en vista do éxito acadado, Enrique de Salvador explicou que este ano se ampliou a rede inicial do proxecto en 1.590 Km, repartidos en 30 novas rutas, polo que xa son 82 os itinerarios ciclistas dispoñibles a través desta ferramenta dixital e grazas aos cales se poden descubrir e percorrer en bicicleta lugares de alto valor paisaxístico.
2 M€ para corrixir impactos paisaxísticos en 2025
No marco da aposta do Goberno galego pola cultura do fermosismo, a cuarta convocatoria das axudas do IET para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios, equipamentos, vivendas e outras construcións, públicas e privadas, saldouse este ano con 50 concellos e 348 familias beneficiarios no conxunto da Comunidade, esgotando un ano máis o orzamento reservado a estes incentivos (un total de 2 millóns de euros).
Neste sentido, o director do organismo autonómico avanzou que o vindeiro 9 de xaneiro publicarase no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria destas axudas, a quinta xa, dotada cun orzamento inicial de 2 millóns de euros: 1 millón para a liña dirixida a concellos e 1 millón para a destinada a propietarios particulares.
Así mesmo, o Consello Asesor da Paisaxe tamén foi informado do resultado da convocatoria deste ano do galardón Bandeira Verde, cun total de 24 municipios premiados, a cifra máis alta desde a primeira edición do ano 2020. Ademais, o IET publicou tamén este ano —en papel e en formato dixital— a Guía de boas prácticas para as terrazas no espazo público, no marco da Colección Paisaxe Galega que ten como fin protexer as diferentes formas de paisaxe impulsando a conservación e o mantemento e ofrecendo criterios para a planificación de futuras intervencións no territorio.
Por último, no eido da sensibilización paisaxística, o IET tamén volveu apostar, no marco do Plan Proxecta, polo proxecto educativo Mestres Gandeiros, que busca contribuír á adquisición de competencias entre o alumnado en materia de paisaxe e conciencia ambiental. Centrado en transmitir o coñecemento e as boas prácticas agrarias que a poboación rural están levando a cabo como xestores da biodiversidade e da paisaxe aos mozos das cidades, no curso 2023-2024 participaron un total de 15 centros de distintos puntos de Galicia, coa implicación activa de 781 alumnos e 120 docentes.
Ademais, a Fundación Eduardo Pondal organizou este ano, co patrocinio e colaboración do IET, unha serie de rutas pola ribeira baixa do río Anllóns, dentro do contexto das Paisaxes pondalianas, e o organismo autonómico volveu colaborar no certame Vilas en Flor 2024 que organiza a Fundación Juana de Vega para premiar a aqueles concellos que destacan polos seus proxectos de axardinamento e ornamentación floral.