A declaración de interese autonómico para a conversión do CGTD nun centro de tecnificación e alto rendemento, sometida a audiencia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o acordo polo que se somete a trámite de audiencia a declaración de interese autonómico (DIA) do proxecto de construción dun centro de alto rendemento en Cernadiñas Novas ás administracións afectadas

Santiago, 16 de decembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de hoxe o acordo do 27 de novembro de 2024, da Secretaría Xeral para o Deporte, polo que se somete a trámite de audiencia a declaración de interese autonómico (DIA) do proxecto de construción dun centro de alto rendemento en Cernadiñas Novas, promovido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, aos concellos e administracións afectados. Deste xeito, a conversión do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva no primeiro centro integrado de tecnificación e alto rendemento en España, dá o primeiro paso cara a súa realización.

A ampliación do centro cara Cernadiñas Novas conta con medio millón de euros reservados no orzamento de 2025 para o inicio do proxecto e posibilitará dar resposta ao incremento do alto nivel en Galicia que xa acada 1.456 deportistas recoñecidos, o número máis alto da historia.

O centro integrado de tecnificación e alto rendemento permitirá centralizar e xuntar a excelencia deportiva de Galicia nun mesmo recinto onde máis disciplinas deportivas, instalacións e deportistas teñan cabida; conseguir manter o alto nivel do deporte galego en Galicia e que ningún deportista teña que buscar o seu futuro lonxe das nosas fronteiras; atraer o alto nivel de fóra de Galicia, continuar a ser referencia para o deporte nacional e internacional, como xa ocorre con moitos deportes que veñen coas súas seleccións a adestrar ás infraestruturas galegas; así como acadar un maior financiamento do Estado co salto cualitativo que implica ser un centro de alto rendemento, que sería o terceiro de España.

O 27 de novembro de 2024 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de carácter favorable sobre a declaración do proxecto como de interese autonómico. Agora dáse audiencia ás administracións afectadas por un prazo de dous meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2024