A Xunta reafirma o seu compromiso coa promoción da actividade física para mellorar a saúde e a calidade de vida

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou nun foro da Receita Deportiva, iniciativa do Clúster Galego da Industria do Deporte e Benestar para promovor o exercicio entre a poboación galega e dinamizar o sector deportivo 

O Goberno galego impulsa programas como Xogade e Adestra a túa saúde co obxectivo de converter a práctica deportiva nun hábito cotián 

A Coruña, 20 de xullo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe nun foro vencellado á Receita Deportiva, iniciativa coa que o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar quere promover o exercio físico entre a poboación galega e contribuír á dinamización do sector deportivo.

Durante a súa intervención, Diego Calvo destacou que o reto de conseguir unha sociedade máis activa require a implicación das administracións, do sistema sanitario e do conxunto do tecido deportivo para facilitar que a actividade física forme parte da vida cotiá da cidadanía. Neste sentido, subliñou que o exercicio físico contribúe a mellorar a saúde e o benestar, a previr enfermidades e a favorecer unha maior calidade de vida.

O conselleiro sinalou que a Xunta leva anos desenvolvendo políticas orientadas a fomentar a práctica deportiva ao longo de toda a vida. Referiuse así ao programa Xogade, que achega o deporte á poboación escolar e inclúe o seguro deportivo gratuíto para os menores de 16 anos, así como a outras iniciativas destinadas a favorecer un envellecemento activo e saudable.

Neste contexto, valorou positivamente a Receita Deportiva por contribuír a reforzar a colaboración entre o ámbito sanitario e o deportivo na promoción de estilos de vida saudables. Ademais, lembrou que a Xunta xa avanza nesta mesma dirección a través do programa Adestra a túa saúde, que impulsa a práctica de exercicio físico supervisado como ferramenta para mellorar a saúde das persoas maiores mediante a colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e os concellos.

Diego Calvo salientou tamén que a promoción da actividade física debe ir acompañada do traballo de profesionais cualificados, capaces de deseñar programas adaptados ás necesidades de cada persoa e realizar un seguimento da súa evolución para garantir unha práctica segura e eficaz.

O titular de Deportes destacou ademais o carácter estratéxico do deporte para Galicia, tanto pola súa capacidade para xerar emprego e actividade económica como polo retorno que supón a organización de grandes eventos deportivos nos distintos territorios da comunidade.

Finalmente, reiterou o compromiso da Xunta de seguir impulsando políticas que fomenten a práctica deportiva en todas as etapas da vida e colaborando co conxunto do sector para avanzar cara a unha Galicia cada vez máis activa e saudable, na que todas as persoas poidan acceder ao deporte con independencia da súa idade, do lugar onde vivan ou da súa situación económica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2026