A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co alcalde de Lalín, José Crespo
Xunta e Concello de Lalín avalían emprazamentos e empresas interesadas en crear unha zona de aceleración de solo industrial no municipio
Dáse un paso máis para identificar cales son as empresas interesadas en crear unha Zona de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes) para a continuación definir a súa ubicación
Subliña que a finalidade da Zapes é que os empresarios que teñen proxectos e que queren crecer “non teñan trabas por parte da Administración”
A xuntanza dá continuidade á mantida co presidente da Xunta hai máis dun mes e que serviu para impulsar e materializar a ampliación do parque empresarial de Lalín
Lalín (Pontevedra), 16 de decembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co alcalde de Lalín, José Crespo, para avaliar posibles emprazamentos para a creación dunha Zona de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes) neste municipio.
O obxectivo desta reunión é dar un paso máis para identificar cales son as empresas que poden estar interesadas en crear unha Zapes para, a continuación, xa poder definir a ubicación.
Neste marco, Lorenzana explicou que as Zapes “son pequenos polígonos con proxectos empresariais firmes” onde se tramita en paralelo o desenvolvemento do solo do propio proxecto “co que pasariamos dos dez anos de media que agora supón facer unha gran área empresarial a apenas un ano e medio”, dixo.
Ademais, sinalou que a finalidade desta figura de aceleración é que “os empresarios que teñen proxectos e que queren crecer non teñan trabas por parte das Administracións, senón todo o contrario”, subliñou.
Así, a conselleira destacou que “queremos traballar coas empresas para intentar facer aquí, neste concello, unha Zapes pensada, como dicía antes, para aqueles concellos que teñen máis tecido industrial e máis demanda empresarial".
Finalmente, puxo en valor que o obxectivo desta medida é promover a aceleración industrial e o desenvolvemento rápido do solo para atraer o asentamento de novas empresas e investimentos a Galicia.
Esta reunión da continuidade á mantida entre o presidente da Xunta e o alcalde de Lalín o pasado 2 de novembro e que serviu para impulsar a cuarta fase do polígono industrial e materializar a ampliación do parque empresarial de Lalín. A superficie bruta é de 316.960 m² cunha superficie de uso industrial de 139.426 m²; e a previsión é que a licitación para as obras arranque a mediados do vindeiro ano 2025. “Para toda a comarca, Lalín é un centro industrial importante con moito desenvolvemento económico”, explicou.