O titular do Executivo galego participou na inauguración da nova sede da corporación na Coruña

Rueda destaca á corporación Hijos de Rivera como exemplo dunha Galicia competitiva, innovadora e fiel ás súas raíces

Salienta a aposta do Goberno galego por impulsar á industria na comunidade, con medidas como a posta en marcha ata 2030 de 12 millóns de metros cadrados de novo solo empresarial

A Coruña, 19 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe á corporación Hijos de Rivera como exemplo dunha Galicia competitiva, innovadora, fiel ás súas raíces e comprometida co territorio. “É moi importante esa mensaxe de potencia, esa mensaxe de orgullo e esa mensaxe de que avanzamos xuntos que lanzades. E no noso gran ano, o Xacobeo 2027, queremos que nos acompañedes e queremos acompañarvos. Convertéstesvos nunha parte moi importante da nosa identidade”, sinalou esta mañá durante a inauguración da nova sede da empresa na Coruña.

O titular do Executivo autonómico recordou que, exactamente hai un ano, se inauguraban no parque empresarial de Morás, en Arteixo, as novas instalacións de Estrella Galicia: a fábrica máis grande de España e unha das máis importantes de Europa. Considerou que ambos fitos dan conta da boa marcha da empresa pero, moi especialmente, do seu compromiso con seguir crecendo desde Galicia para, desde o local, chegar ao resto do mundo.

Ao respecto, lembrou que esa é a mesma aposta do Goberno autonómico: construír unha Galicia moderna, innovadora e internacional, sen renunciar en ningún caso á identidade propia. Así, citou algunhas das medidas que está impulsando a Xunta no eido empresarial e industrial, como o apoio a novos proxectos e tecnoloxías, os programas de axudas ou iniciativas en materia de cualificación, como as microformacións ou a FP Dual: “Son consciente de todos os retos que hai por diante, do que hai que facer para que a Estrella Galicia e a moitas outras empresas galegas lles vaia ben. E imos acompañarvos en todos os retos que tedes”, apuntou o presidente.

Neste sentido, fixo especial fincapé na aposta por poñer a disposición solo industrial, co obxectivo de que empresas como esta, ou outras novas, poidan instalarse e medrar en Galicia. Rueda destacou que a Xunta xa iniciou proxectos para crear 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata 2030: unha cifra que practicamente iguala o total de superficie empresarial que se puxo en marcha desde os anos 80.

Por último, agradeceu a todo o equipo de Hijos de Rivera o seu compromiso con Galicia e referiuse a un dos seus produtos máis coñecidos, a cervexa Estrella Galicia, como un emblema da Galicia Calidade dentro do país e, tamén, fóra das súas fronteiras: “Se a Estrella Galicia lle vai tan ben é porque se dá esa unión tan boa: os galegos presumimos da nosa Estrella e Estrella presume de ser galega”, sinalou. E rematou resaltando que desde o Goberno galego “seguiremos facendo todo o posible para que esteades aquí cómodos, para axudarvos e para seguir sentíndonos orgullosos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2026