O III Congreso Interlumes, organizado pola Xunta, avalía os retos presentes e futuros da loita contra os incendios forestais

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou na inauguración deste encontro que se celebra entre hoxe e mañá na Academia Galega de Seguridade Pública

O programa conta con diferentes faladoiros e mesas redondas coa participación de diversas autoridades e expertos en lumes forestais de Galicia, resto de España e Portugal

A Estrada (Pontevedra), 17 de decembro de 2024

A Consellería do Medio Rural organiza o III Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, que terá lugar entre hoxe e mañá na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na localidade pontevedresa da Estrada. O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou na inauguración deste encontro que conta con faladoiros e mesas redondas nas que participan diversas autoridades e expertos en lumes forestais tanto da nosa comunidade como do resto de España e de Portugal.

Así, a xornada de hoxe estará centrada na modelos operativos de extinción de incendios forestais e na súa prevención. Neste sentido, destaca a participación de autoridades representantes dos gobernos autonómicos de Estremadura e Castela A Mancha, así como das deputacións provinciais de Cuenca e de Biscaia.

 A sesión de mañá pecharase con dúas mesas redondas, unha na que se abordarán os modelos de extinción en España do pasado, presente e futuro, e a outra centrarase na xestión forestal do século XXI.

Operacións en incendios

O mércores será o día de analizar as operacións en incendios forestais. Ao longo desta xornada abordaranse as actuacións relacionadas cos medios aéreos e coa cooperación internacional, a través da experiencia dos lumes en Bolivia e do intercambio co persoal de incendios de Estonia, que estivo en Galicia este verán. Ademais, tamén se falará sobre o presente e futuro da cooperación transfronteiriza entre España e Portugal.

A maiores, no marco deste congreso celebrarase un simposio sobre incendios extremos no mundo, que se encadra dentro do Proxecto FireRes e no que participa persoal da Consellería do Medio Rural. Esta xornada completarase con outras actividades sobre a formación do persoal para actuar con seguridade e a evolución do pasado, presente e futuro do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta cunha conferencia na que participará persoal do mesmo.

 O proxecto europeo Interlumes

Este III Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes enmárcase dentro das accións do proxecto europeo Interlumes, que ten por obxectivo fundamental reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais na fronteira de España e Portugal. Para iso, a través desta iniciativa estanse a mellorar e reforzar os medios existentes de prevención e extinción de incendios. Entre eles destaca a base aérea transfronteiriza, situada en terreos dos municipios ourensáns de Verín e Oímbra.

Interlumes conta tamén con accións encamiñadas a sensibilizar á poboación contra os riscos que provocan os incendios forestais e avanza na formación especializada dos axentes que interveñen das diferentes comunidades e países na extinción de incendios, con congresos como este.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2024