A Xunta adxudica por 30,6 M€ a xestión integral do vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa
O contrato, cunha duración inicial de tres anos e prorrogable por outros dous, inclúe tamén a propia xestión das depuradoras de ósmose inversa, da planta de biogás, da planta de compostaxe e do mantemento postclausura das fases xa seladas
No ano 2023 a vertedura global no sistema de Sogama supuxo un 22%, porcentaxe moi afastada da media de España, que supera o 50%, así como das que rexistraron as outras plantas de xestión de residuos existentes en Galicia, Nostián e Barbanza
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023
A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Sogama, acaba de adxudicar por un importe total de 30.620.455 euros a xestión integral do vertedoiro de residuos non perigosos localizado no lugar de Areosa, no municipio de Cerceda. Deste importe, 25.895.004 euros corresponden á propia xestión e 4.725.451 euros á execución de distintas obras e melloras.
A opción de integrar nun único contrato, servizo e obras, todas as accións vinculadas ao vertedoiro co fin de lograr unha xestión máis áxil e eficiente do mesmo, e garantir o estrito cumprimento dos requisitos ambientais contemplados na normativa vixente.
Desta forma, e cunha duración inicial de tres anos prorrogables por dous máis, o contrato inclúe a xestión dos residuos que entran no vertedoiro, depuradoras de ósmose inversa, planta de biogás, planta de compostaxe, xunto coa comercialización do compost producido na mesma, e o mantemento postclausura das fases xa seladas e clausuradas.
Entre as obras a acometer pola adxudicataria figuran, entre outras, o selado da subfase 1,2 da ampliación sur do vertedoiro, así como a construción do vaso 6; o trazado dunha liña de media tensión e novo centro de transformación; a instalación dunha liña de baixa tensión e iluminación da zona de depuración; a implantación de liñas subterráneas de media tensión, centro de seccionamiento e distribución e medida; e a adaptación da planta de compostaxe aos requisitos SANDACH categoría 3.
Apoio ao Complexo Medioambiental
Cómpre lembrar que, como calquera outra infraestrutura das súas características, Sogama dispón dun vertedoiro de apoio ao que levar os rexeitamentos resultantes do tratamento dos residuos que ten lugar no complexo medioambiental de Cerceda e que, a teor das súas características, non poden ser reciclados nin valorizados enerxeticamente.
En 2023, a vertedura en Sogama representou un 22% —1,95% de carácter directo e 20,02% indirecto, aglutinando neste último caso os rexeitamentos depositados no vertedoiro de Areosa e resultantes dun tratamento previo en planta—, porcentaxe moi afastada da media de España, que supera o 50%, e mesmo da dos outros dous sistemas de xestión de residuos galegos, Nostián e Barbanza, cun 50 e un 64% de vertedura respectivamente.