O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, presentou a batería de medidas nestes ámbitos
O reforzo das matemáticas e a lectura incluirá metodoloxías innovadoras, a blindaxe da hora de ler, oratoria e melloras na formación inicial docente
Román Rodríguez subliña que estes programas completan as seis liñas do Plan MEGA de mellora educativa para un ensino máis personalizado e inclusivo durante catro anos
Aínda que Galicia se sitúa por riba da media estatal nestas competencias, o conselleiro subliña a necesidade de seguir mellorando o desempeño académico do alumnado
As Matemáticas foméntanse desde Infantil, créase un comité técnico de asesoramento didáctico e poténcianse as metodoloxías innovadoras
No eido da comprensión lectora, sistematízase un tempo diario dedicado á lectura na aula, impúlsase a oratoria e o debate e o intercambio de boas prácticas
Refórzase a colaboración coas facultades de Ciencias da Educación para implementar a formación integral do alumnado universitario
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024
A Xunta vén de lanzar os programas de reforzo da competencia matemática e lectora nos centros educativos galegos cun abano de accións específicas enfocadas á mellora do desempeño académico do alumnado nestes dous eidos, e que fan fincapé no impulso de metodoloxías innovadoras de aprendizaxe e do acompañamento especializado no caso das Matemáticas, na blindaxe da hora de ler e o fomento da práctica oratoria no eido da lectura, ou a mellora da formación inicial do profesorado, entre outros.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, presentou esta mañá as liñas xerais destes dous programas, “cos que tal e como nos comprometeramos” quedan completadas as seis liñas de traballo previstas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia co fin de avanzar “nunha maior atención personalizada do alumando, no fomento das competencias clave e no reforzo da inclusión e da convivencia cara un modelo máis plural e diverso”. De feito, xa están en marcha dos programas Promociona, Proa+, o de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro e o de impulso de Centros Referentes, aos que se suman agora os de reforzo de Matemáticas e lectura. Todos se desenvolverán ao longo de catro cursos académicos nas etapas de infantil, Primaria e Secundaria.
Se ben é certo que Galicia se sitúa por riba da media estatal en competencia matemática e lectora nos principais indicadores académicos como o informe PISA ou TIMSS, Román Rodríguez explicou que cómpre “seguir traballando” na mellora permanente. Para iso, a Consellería vén de deseñar unha batería de medidas para impulsalas “dentro e fóra da aula” coa intervención dos alumnos e dos docentes, pero tamén “a través doutros axentes implicados como o entorno familiar ou as entidades culturais e educativas”, abondou.
Motivación ao alumnado en Matemáticas
No ámbito das Matemáticas, créase un comité técnico de asesoramento e apoio aos centros, composto por expertos nesta área didáctica procedentes do ámbito universitario, docentes de Primaria e Secundaria, da Inspección Educativa e do Servizo de Avaliación do sistema educativo. Este comité técnico encargarase de analizar e avaliar os datos e identificar centros educativos de éxito no eido matemático co fin de elaborar propostas para o conxunto do ensino. Establécese tamén a posibilidade de crear grupos reducidos para o reforzo desta competencia durante o horario escolar, naqueles casos específicos onde sexa necesario.
Así mesmo, ofrecerase acompañamento especializado para que os centros potencien metodoloxías innovadoras que motiven o alumnado e fomenten proxectos de investigación. Para iso teranse en conta os resultados obtidos nas avaliacións de diagnóstico.
Por outra parte, a Consellería fomentará a colaboración coas facultades de Ciencias da Educación de Galicia co obxecto de afondar na formación integral do alumnado universitario. Isto é, achegar a realidade educativa dos centros aos futuros profesionais do ensino, para completar a súa aprendizaxe e adaptala ás demandas do día a día na aula.
Paralelamente, poranse á disposición da comunidade recursos innovadores para os alumnos; impulsarase o traballo colaborativo entre profesorado e centros, e implicarase neste reto ao persoal especialista das Bibliotecas Escolares, que dispoñen de recursos axeitados a cada etapa. Outra das novidades é fomentar a colaboración con asociacións e entidades para liñas de traballo conxunto que permitirá aos docentes interactuar con profesionais expertos na competencia matemática e, deste xeito, enriquecer a súa práctica docente. Así mesmo, desde a Consellería impulsarase o talento matemático do alumnado a través de obradoiros específicos que traballen a estimulación e lles abran oportunidades.
Plan de lectura, escritura e acceso á información
No que atinxe á competencia lectora, introdúcese por primeira vez con carácter normativo a blindaxe dun tempo diario de lectura nos centros escolares como unha actividade sistematizada que abranga todas as áreas e materias do currículo de cada unha das etapas. Así pois, a hora de ler convértese nun espazo protexido no horario escolar, onde se fomente a lectura de diferentes xéneros e formatos.
Este espazo de ler vai estar apoiado por un Plan de lectura, escritura e acceso á información concibido como un instrumento para mellorar a comprensión lectora dos alumnos, fomentar o pensamento crítico e a reflexión e impulsar a produción de textos escritos, orais e multimodais (que combinan varios sistemas como imaxes, sons e videos). O plan recollerá pautas e criterios para o máximo aproveitamento da hora de ler en canto a cuestións metodolóxicas e organizativas.
Para o acompañamento aos centros nesta tarefa, crearase a Rede galega de fomento da competencia lectora, organizada en ámbitos xeográficos, na que persoas mentoras e profesorado experto en cada unha das etapas darán apoio aos centros nesta tarefa, na que tamén contarán á súa disposición co persoal da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.
Outra das liñas de actuación é o impulso da oratoria e o debate nos centros educativos co fin de favorecer a comunicación oral do alumnado. Unha das accións previstas é a Liga Escolar de debate, concibida como un foro de discusión e diálogo que reforce as actuacións desenvolvidas nos centros relacionados co traballo da competencia en comunicación lingüística.
Tamén se desenvolverán accións de cooperación e intercambio de boas prácticas a través do Programa Observa_Acción, a selección de difusión de experiencias de éxito e a posta en marcha do Premio de boas prácticas eduLEOgal, de posta en valor dos centros.
Reforzo da formación docente
A formación docente constitúe unha liña prioritaria de mellora do proceso de ensino-aprendizaxe en xeral, e máis en concreto para ámbitos como as matemáticas e a competencia lectora, que se van reforzar a través do Plan anual de formación do profesorado. Así pois, no ámbito matemático, o programa fai especial fincapé na formación específica centrada na utilización de metodoloxías, ferramentas tecnolóxicas e enfoques didácticos nos que o alumnado sexa o centro do proceso, o que axudará a garantir o éxito da aprendizaxe a través da motivación e dun ambiente de positividade.
No ámbito da competencia lectora, deseñarase un Plan de lectura, escritura e acceso á información e desenvolveranse itinerarios formativos específicos para docentes, equipos directivos, inspección educativa e responsables do Plan de lectura.