Educación pon en valor a FP Básica, que este curso medra ata as preto de 6.000 matrículas, como unha porta aberta ás oportunidades e á inclusión
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, inaugura as quintas xornadas desta modalidade formativa que reúnen en Santiago a máis de 200 profesionais para debater sobre novas estratexias didácticas neste ámbito
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, salienta a importancia da FP Básica, unhas ensinanzas que medraron en matrícula con respecto ao pasado curso ata acadar preto de 6.000 persoas este ano, como unha “porta aberta ás oportunidades, un espazo de inclusión e unha ferramenta determinante para superar dificultades e reconstruír traxectorias educativas e vitais”.
Así o expresou esta mañá durante a inauguración da quinta edición das Xornadas de FP Básica que congregan en Santiago a máis de 200 profesionais vinculados a esta modalidade formativa, entre docentes e membros dos equipos de orientación, co obxectivo de afondar e debater sobre as novas estratexias didácticas neste ámbito.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a aposta do Goberno da Xunta pola FP en xeral e pola FP Básica en particular, cuxa oferta de prazas recibiu un forte impulso nos últimos anos da man do Plan Conecta FP Galicia, tanto no eido urbano coma no rural. “A nosa FP é hoxe un referente indiscutible de calidade, innovación e empregabilidade”, subliñou a directora xeral de FP, que fixo partícipe directo desta “evolución positiva” ao profesorado galego polo seu traballo diario e compromiso. “Os docentes sodes moito máis que transmisores de coñecemento, sodes referentes, puntos de apoio e de confianza para un alumnado que, moitas veces, chega con situacións complexas e vulnerables”, dixo, en referencia aos profesionais que imparten clase na FP Básica.
Impulso cualitativo da oferta
Ademais do impulso cuantitativo, Eugenia Pérez fixo fincapé no impulso cualitativo, con novas modalidades formativas pioneiras de Galicia e inéditas ata o momento, como é o caso da FP Adaptada e a FP Básica para Adultos, propostas enfocadas a favorecer a permanencia do alumnado no sistema educativo e frear así o abandono educativo temperá, que arrancaron como experiencia piloto o pasado curso.
A estas modalidades súmase a implantación, por primeira vez este curso, dun itinerario integrado entre un ciclo de grao básico e o ciclo correspondente de grao medio, de xeito que os alumnos matriculados no grao básico terán asegurada a súa continuidade no grao medio de forma directa sen necesidade de realizar unha nova solicitude e entrar no proceso de selección. Esta opción arrancou como experiencia piloto nos ciclos de grao básico en Cociña e restauración e grao medio en cociña e gastronomía ou en Servizos en restauración no centro Integrado de FP CIFP Compostela en Santiago.
Por outra parte, a directora xeral de FP referiuse ao novo Marco galego para o impulso educativo, cun paquete de medidas enfocado á mellora integral e continua do sistema que inclúen tamén reforzo das competencias básicas na FP de grao básico. A este respecto, búscase impulsar un modelo de aprendizaxe orientado a recuperar e consolidar a competencia lectura, matemática e científica do alumnado, aproveitando o carácter aplicado da Formación Profesional, para conectar estas aprendizaxes con situacións e problemas reais. Este impulso irá acompañado dunha formación específica do profesorado de FP nestas metodoloxías.