A Xunta declara un novo foco de enfermidade hemorráxica epizoótica nunha explotación bovina da provincia da Coruña
Está localizado na comarca veterinaria de Bergantiños e foi diagnosticado antes de que finalizara o período de actividade do vector transmisor
A EHE é unha doenza vírica que afecta ao gando bovino, pero que non se transmite ás persoas nin é contaxiosa entre os animais
Medio Rural destinará 5,6 M€ en axudas directas para compensar tanto as mortes como por gastos veterinarios e en desinsectantes aos beneficiarios que declararon casos da enfermidade ata o 5 de decembro
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia vén de notificar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección dun novo foco de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), diagnosticado antes de que finalizara o período de actividade do vector transmisor. Trátase dun foco localizado na comarca veterinaria de Bergantiños, na provincia da Coruña. Ao ser un foco localizado nunha provincia na que xa se declarara a enfermidade en 2024, o diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural.
Con esta declaración, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor, Galicia ten notificados focos en 46 comarcas veterinarias: 14 na provincia de Ourense (Maceda, A Limia, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, Verín, A Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas, Viana, Allariz, O Carballiño, Valdeorras e O Ribeiro), 14 na de Lugo (Ancares, Sarria, Terra de Lemos Quiroga, Lugo, A Fonsagrada, Terra Chá-Guitiriz, Chantada, A Ulloa, Terra Chá Castro, Terra Chá-Vilalba, Meira, A Mariña Oriental, A Mariña Central e A Mariña Occidental), 7 na provincia de Pontevedra (Pontevedra-O Morrazo, Deza, Tabeirós-Terra de Montes, A Paradanta, O Condado, Baixo Miño e Caldas) e 11 na provincia da Coruña (Teixeiro, Terra de Melide, Santiago, As Pontes, Arzúa, Ortegal, O Sar Barbanza, A Barcala, Ordes, Ferrol e Bergantiños). Así, o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 2.247 e os animais positivos confirmados en 5.384.
Galicia, pioneira en indemnizar
A Consellería do Medio Rural foi unha das pioneiras neste sentido e habilitou a comezos deste 2024 a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade. Neste sentido, destináronse máis de 200.000 euros a estas achegas para compensar a morte de 409 animais de 195 explotacións. Este orzamento súmase ao paquete de apoio avanzado no Consello da Xunta do pasado 23 de setembro, dotado de 5,6 millóns de euros.
Neste sentido, a Consellería do Medio Rural publicará unha resolución de axudas directas, co fin de compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade nas explotacións, tanto por mortes como por gastos veterinarios ou de desinsectantes, cos beneficiarios que declararon casos da enfermidade ata o 5 de decembro deste ano.
Deste xeito, os fondos destas achegas (cofinanciados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación) poderán chegar á maioría das explotacións afectadas este ano pola enfermidade, a maiores das afectadas en 2023, cuestión importante e valorada tanto polo Goberno galego como polas organizacións profesionais agrarias.
Ademais, con estas liñas de apoio será posible incrementar as contías por animal falecido, con achegas de entre 400 e 1.600 euros, en función da idade das reses. Tamén se sufragarán os tratamentos veterinarios cunha contía de 100 euros por animal afectado pola enfermidade e os gastos para a aplicación de desinsectantes e repelentes en explotacións afectadas, achegando 20 euros por bovino censado, aboando neste caso os cartos polo total do censo da explotación e non só polos animais afectados, cun máximo de axuda de ata 4.000 euros por granxa.
Enfermidade non contaxiosa
A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece nos bovinos mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais. Dende o 15 de decembro todo o territorio de Galicia está dentro do período sen circulación do mosquito vector, polo que non se espera a detección de novos animais positivos debido a infeccións recentes ata o novo inicio da presenza do vector.
Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existen dúas vacinas comercializadas, a desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e a recentemente desenvolvida pola empresa farmacéutica Syva, ambas autorizadas pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que están dispoñibles para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria. Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector nas épocas nas que este estea activo.