A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade e o xerente da entidade visitaron hoxe o expositor habilitado na cidade ferrolá

A Xunta, o concello de Ferrol e Ecovidrio colaboran nunha campaña de sensibilización para animar a reciclar envases durante este Nadal

O reclamo central da iniciativa é unha árbore de catro metros de altura instalada na Praza de Armas e conformada por un total de 65 mini iglús para a recollida de vidro

Educadores ambientais informarán aos visitantes de como separar correctamente este tipo de residuos e proporanlles xogos e preguntas relacionadas coa temática

Ferrol, 20 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada en España da recollida selectiva de envases de vidro, colaboran este Nadal nunha iniciativa que ten por obxectivo sensibilizar e concienciar á veciñanza ferrolá sobre a importancia de reciclar este tipo de refugallos, especialmente nunhas datas nas que se estima que se xera ata o 20% dos residuos de envases de vidro de todo un ano.

Con tal fin, unha enorme árbore de Nadal conformada por 65 mini iglús similares aos que hai repartidos por toda a xeografía galega para facilitar a recollida destes refugallos presidirá a praza de Armas ferrolá. Será o reclamo central da campaña, que se completará cun expositor informativo atendido por educadores ambientais en horario de 11,30 horas e as 15,30 horas.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, acompañada do xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández, e doutros representantes municipais, visitou esta mañá a praza de Armas para achegarse ata o expositor, onde destacou a importancia de iniciativas como esta para seguir avanzando nas taxas de reciclaxe na Comunidade.

As persoas que se acheguen ata alí recibirán información detallada sobre como separar correctamente este tipo de residuos nos seus fogares así como sobre os beneficios medioambientais que reporta a súa reciclaxe e reutilización.

Tamén haberá regalos relacionados coa materia para os asistentes que se animen a participar nalgún dos xogos dispoñibles ou a responder ás preguntas dos encargados do expositor. Así mesmo, un gran contedor de vidro ambientado para a ocasión e instalado na propia praza facilitará o depósito de envases de vidro a quen o desexe.

Logo de seu paso por Ferrol, o seguinte destino da campaña será a cidade da Coruña. A árbore de mini iglús e mais o expositor estarán instalados en Catro Camiños o vindeiro luns 23 de decembro, con atención aos visitantes en horario de 11,30 horas a 15,30 horas.

Datos reciclaxe vidro Ferrol

Segundo os últimos datos oficiais de 2023, a poboación ferrolá reciclaron un total de 750.140 quilogramos de envases de vidro, o que supón que cada persoa reciclou unha media de 11,7 kg deste material (equivalente a uns 40 envases).

Respecto á taxa de contenerización, a cidade de Ferrol sitúase cunha media de 250 habitantes por contedor, contando na actualidade cun total de 256 iglús para os residuos de envases de vidro por todo o municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2024