A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou no acto institucional de revalidación da candidatura do Xeoparque Mundial da Unesco Cabo Ortegal

A Xunta salienta o Xeoparque Cabo Ortegal como unha oportunidade estratéxica para a promoción exterior e o desenvolvemento sostible da comarca

Ángeles Vázquez sinala que o recoñecemento como Xeoparque é unha ferramenta para xerar oportunidades, impulsar un turismo responsable durante todo o ano, crear emprego vencellado ao territorio e contribuír a fixar poboación no rural

Pon en valor o traballo desenvolvido pola Asociación para a Xestión do Xeoparque, polos sete concellos que o integran, polo tecido científico, educativo, empresarial e asociativo, así como pola veciñanza, por converter este proxecto nun exemplo de cooperación e compromiso co territorio

Cariño (A Coruña), 30 de xullo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que o recoñecemento do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da Unesco supón unha oportunidade estratéxica para a promoción exterior e o desenvolvemento sostible da comarca.

Durante a súa intervención no acto institucional de revalidación da candidatura desta contorna a Xeoparque Mundial, coincidindo coa visita que realizan estes días á zona os auditores enviados pola Unesco, a conselleira sinalou que esta iniciativa é un “proxecto colectivo, construído desde o territorio e para o territorio.”

Nese senso, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor o traballo desenvolvido pola Asociación para a Xestión do Xeoparque, polos sete concellos que o integran, polo tecido científico, educativo, empresarial e asociativo, así como pola veciñanza por converter este proxecto “nun exemplo de cooperación e compromiso co territorio”.

Fíxose un “traballo sólido, constante e eficaz”, dixo a conselleira, que é imprescindible para revalidar o distintivo da Unesco. Cómpre lembrar que a renovación non é automática, senón que implica superar un rigoroso proceso de avaliación no que se analiza o labor realizado  en ámbitos como a conservación do patrimonio, a educación ambiental, a investigación científica, a divulgación e a implicación da comunidade local.

Tal e como indicou a conselleira, o recoñecemento como Xeoparque é unha ferramenta para xerar oportunidades, impulsar un turismo responsable durante todo o ano, crear emprego vencellado ao territorio e contribuír a fixar poboación no rural. “É a demostración de que protexer o noso patrimonio natural é perfectamente compatible con crear riqueza, dinamizar a economía local e mellorar a calidade de vida da veciñanza”, incidiu Ángeles Vázquez.

O Cabo Ortegal é un territorio único, cunhas formacións rochosas de relevancia mundial que permiten comprender mellor a historia do planeta e que converten este espazo natural nun referente para investigadores, universidades e centros científicos.

Nesa liña, a conselleira avanzou que o Goberno galego apoiou este proxecto desde o principio colaborando con actuacións de mellora de infraestruturas, sinalización, promoción turística e posta en valor do patrimonio. E seguirá colaborando con esta iniciativa porque coincide coa aposta da Xunta por un modelo baseado na conservación, no coñecemento e no aproveitamento responsable dos recursos naturais como motor de desenvolvemento económico e social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026