O director do Instituto de Estudos do Territorio participou nunha xornada enmarcada na actividade A Liga das Sebes, ao abeiro do programa GIFT

A Xunta recoñece as boas prácticas ambientais e paisaxísticas desenvolvidas no concello de Curtis na conservación e coidado das sebes

A iniciativa promovida polo Goberno galego busca recuperar e poñer en valor as liñas de árbores e arbustos que no pasado delimitaban as fincas, protexían os cultivos e ofrecían refuxio á fauna

En diferentes puntos deste concello coruñés xa se plantaron máis de 1.100 árbores de 29 especies autóctonas diferentes e instaláronse un total de 28 caixas con mantillo para estudar a evolución da biodiversidade

Curtis (A Coruña), 30 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia recoñeceu hoxe as boas prácticas ambientais e paisaxísticas desenvolvidas no concello coruñés de Curtis en relación á conservación e coidado das sebes, ao abeiro da actividade A Liga das Sebes. O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, participou na xornada de presentación das conclusións desta actividade e acción piloto.

A Liga das Sebes é unha das iniciativas que promove o Goberno galego co fin de recuperar e poñer en valor as sebes autóctonas -liñas de árbores e arbustos que delimitaban as fincas, protexían os cultivos e ofrecían refuxio á fauna- colaborando con veciños e entidades para organizar o territorio dun xeito no que se combinen produción, equilibrio coa natureza e beleza.

Esta acción forma parte do proxecto GIFT, que xa alcanzou o seu sétimo trimestre e que se articula ao redor de dúas actividades distintas que se analizaron durante a xornada de hoxe. Por unha banda, a restauración de setos para crear corredores ecolóxicos e, por outra, a instalación de caixas de madeira con mantillo.

Neste senso, incidiuse en que a actividade de restauración de setos se levou a cabo na zona de concentración parcelaria (ZCP) de Fisteus –considerada a maior reestruturación parcelaria da historia de Galicia– e que xa se plantaron máis de 1.100 árbores de 29 especies autóctonas. Estas especies conformadas por árbores de distinto porte, arbustos e trepadoras son especialmente apropiadas para a formación de novos corredores ecolóxicos que favorecen a biodiversidade e constitúen un refuxio para o gando.

No que respecta á instalación de caixas con mantillo para estudar a evolución da biodiversidade, destacouse que se están probando en tres zonas piloto: nas masas comúns da ZCP de Fisteus e nas Áreas de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) da Serra do Xurés e dos Montes do Facho e Tetón. Así, instaláronse xa un total de 28 caixas, sete en cada unha das catro parcelas de mostreo -7 en Couso, 7 en Fisteus e 14 nas dúas parcelas do Xurés-.

Para concluír a xornada, o director premiou as boas prácticas ambientais e paisaxísticas na conservación e coidado das sebes, tendo en conta factores como o valor estético, a integración paisaxística, a diversidade das especies e a funcionalidade e conectividade ecolóxica entre outros. Ademais, analizáronse e presentáronse os resultados acadados, que no caso concreto do concello de Curtis realizáronse máis de 20 actividades que involucraron a preto de 200 persoas participantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026