A Xunta coordina o operativo para a retirada dunha balea varada nunha praia do municipio do Grove

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a encargarse da coordinación do operativo para a retirada dunha balea de aproximadamente catro metros, varada na praia de Sobre do Pozo, no Grove. O Goberno local comunicou esta mañá á Xunta a aparición do exemplar no citado areal, solicitando a súa retirada.

Tras recibir a notificación, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático tramitou o encargo a Gesuga (Gestora de subprodutos de Galicia), empresa con capacidade para xestionar os restos do animal e que xa procedeu a desprazar ata a zona do varamento, este mediodía, un camión con capacidade para transportar a balea ata as súas propias instalacións.

Ademais, desde a Consellería tamén se enviou a un axente medioambiental para comprobar, in situ, a localización do animal, os accesos e avaliar o mellor xeito de proceder para a súa retirada.

Cómpre lembrar, por último, que a Xunta mantén desde hai máis de 20 anos un convenio de colaboración coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), responsable da Rede de varamentos de Galicia e o organismo que se encargará de facer a necropsia ao animal.

Data de actualización: 20/12/2024